O tenis galego abre xogo coa mira na nova normalidade

Aberto até o 15 de setembro o prazo para tramitar as licenzas federativas para a seguinte tempada
Entrega de premios do Campionato Galego, disputado en xullo. (Foto: FG Tenis).
photo_camera Entrega de premios do Campionato Galego, disputado en xullo. (Foto: FG Tenis).

O deporte galego de base está reactivándose aos poucos, e o tenis é unha das disciplinas nas que a federación correspondente xa puxo en marcha os mecanismos para retomar a actividade.

Por iso quedou aberto o prazo, que concluirá o 15 de setembro, para tramitar -alta ou renovación- as licenzas federativas correspondentes ao seguinte exercicio

Desde a Federación Galega de Tenis informan que o prezo das licenzas para a nova tempada quedará rebaixado "excepcionalmente" con respecto ás tarifas aprobadas na Asemblea Xeral que tivo lugar en decembro, mais haberá que agardar á súa ratificación na xuntanza que teñen previsto desenvolver o sábado 12 de setembro.

A xestión das licenzas federativas realizarase mediante unha aplicación informática que pode atoparse no portal web da Federación de Tenis (www.fgtenis.net), que lembra que ser deportista federado implica unha cobertura total en caso de "accidente deportivo" e outra clase de beneficios como "descontos e promocións en comercios, sorteo de boletos a grandes eventos tenísticos ou de material deportivo, así como a posibilidade de participar en programas de formación e de tecnificación".

Calendario para o Campionato por Equipos

A Federación Galega de Tenis tamén fixo público no día de onte o calendario para o Campionato por Equipos Cadete, Veteranos +35, Veteranas +40 e Veteranos +55.

O 3 de outubro dará comezo unha competición que se prolongará durante case tres meses, concretamente até o 20 de decembro de 2020, no que se desenvolverá unha final que estará precedida dunha semifinal, cuartos, oitavos e fase previa.

As inscricións realizaranse a través da aplicación da Federación Galega de Tenis (http:/oficina.fgtenis.net/accounts/signin) e a data límite para o rexistro do equipo e o envío do xustificante de pagamento será o 17 de setembro de 2020.

O prezo para participar serán 100 euros para os equipos de veteranos e veteranas e 80 para as formacións integradas por cadetes, sendo obrigatorio que todos e todas as integrantes sexan deportistas federadas.

Por outra banda, a disputa deste campionato estará condicionada por un protocolo de actuación contra a Covid-19 que inclúe medidas como a eliminación do clásico saúdo entre as tenistas antes e despois do partido.

Comentarios