Opinión

O tempo… ese obxectivo

Cantos máis camiños se busquen e promovan para invisibilizar a historia dun pobo, máis se reforzarán as capas sedimentarias desa historia interna.

Cómpre sermos conscientes do descoñecido ou agochado polas brétemas mestas da desmemoria programada para sermos ninguén, tal e como reafirmaba aquel Balbino tan real como literario.

A devastación do patrimonio prehistórico, o abandono do patrimonio arquitectónico, a desprotección do medio ambiente, o desleixo no atendemento dos sectores produtivos ou a restrición da aprendizaxe da lingua propia e de garantía de usos para as novas xeracións poden ser apenas algunhas das arestas da amnesia oficial programada que vivimos na actualidade, convenientemente herdada do pasado.

Cómpre sermos conscientes do descoñecido ou agochado polas brétemas mestas da desmemoria programada para sermos ninguén

Falta de coñecemento, de sensibilidade ou de autoestima case sempre son as forzas radicais que sustentan a negación dunha historia nacional propia que teima en persistir impresa en pergameos, petroglifos, manuscritos ou pedras graníticas románicas ou góticas e tamén, canda elas, nomes de mulleres e homes que son a luz das portas abertas da historia de noso.

Traíame ao acordo esta reflexión tan básica unha nova xornalística recente que falaba dunha familia de Betanzos que, nos nosos días, adorna a súa casa con capiteis do desaparecido convento de San Francisco do século XIV. Non hai como saber buscar para atopar, abofé!

Velaquí dous xeitos de nos interpretar como pobo: a historia propia como sustento retroalimentador do noso rol no mundo ou como adorno material particular.

O espello do mundo, de Ramón Nicolás, un título que convida a atravesar o espello convencional da transfiguración opaca

As cousas que perduran/atópanse baixo a terra, din os versos da poeta Mª do Carme Krukenberg

Felizmente, a literatura segue a ser ese fío condutor que nos conta, coa voz da conciencia e da ética, e é así como chegamos á lectura da novela do profesor e crítico literario Ramón Nicolás, O espello do mundo, un título que convida a atravesar o espello convencional da transfiguración opaca, da distorsión de nomes, tempos e espazos, para quebrar, en fin, os territorios da invisibilidade individual e colectiva e, asemade, amplificar a realidade do coñecemento da existencia.

Cada lectura deixa o seu pouso en nós. Dúas son as metáforas visuais que identificamos no remate destas páxinas que brincan o pasado de noso nas mans do presente.

Por unha banda, a sensación de lectora observadora dun relato que discorre a través do reloxo de area, nesa reiteración silente e calmosa do acontecer temporal na Idade Media, cuxo protagonismo maior está na non acción abafante, senón na calidade lingüística do discurso narrativo e na sorprendente descuberta da regular relación epistolar entre dúas personaxes femininas de forte personalidade converxente que a Historia se encargara de varrer, Ona Guiomar e Hildegarda Von Bingen, a Sibila do Rhin, nada ao abeiro da vida intensa noutrora, mais esquecida e agora recuperada nas entrañas pétreas do mosteiro de San Pedro de Ramirás (Ourense).

A outra imaxe que transmite, para nós, esta lectura é a dunha bufarda entre liñas, un facho de luz que vén iluminar ontes escurecidos

A outra imaxe que transmite, para nós, esta lectura é a dunha bufarda entre liñas, un facho de luz que vén iluminar ontes escurecidos para lle tirar o barolo á historia non contada, innomeada, agora vertebrada na ponte vivencial da relación entre esas dúas mulleres atraídas por intereses comúns: a curiosidade e a ansia de saber.

Mulleres cultas, con poder e responsabilidade dentro da igrexa bieita medieval, que acreditan na necesidade de asentar proxectos colectivos e no alto valor da sororirmandade, xenerosas e comprensivas ante paixóns terreais que asexan a feble carne mortal para levantaren tabús convencionais perante a sexualidade ou o lesbianismo.

Mulleres con personalidade, con voz propia que reclaman para si un tempo, un espazo novo, sen se enclaustraren nun hábito místico nin nunha lingua allea, como di o aserto de Hildegarda:

(…) gustaríame que se cumprise o desexo de que nun futuro non moi afastado ninguén deba, como me ocorreu a min, solicitar permiso á xerarquía da Igrexa para poñer por escrito as súas visións, e sei que o feito de ser muller non axudou a poñerme as cousas fáciles. E gustaríame, ademais, que o que se escriba non teña que ser unicamente en latín, nin sequera na miña ben amada ignota lingua, senón nas linguas que fala o pobo en cada lugar, dese xeito todo o escrito non só sería entendido por eruditos e cregos.

Levantamento ficcional, de ambientalidade histórica, e posta en valor dun tempo, espazo e protagonista propios, en pé de igualdade con outros alleos, lonxanos, mais eixos comúns vertebradores do marco de aculturación que flúe entre o local e o universal.

Xogo narrativo que transita entre a ficción e a historia que nos orienta a visionar en Ramirás un espello do mundo, metonimia do esplendor da Galiza na Idade Media, pendente de saír extramuros para ser desennovelada.

Comentarios