Estrea do segundo filme de Plácido Romero

'O Tempo na Luparia' rexistra a destrución do tempo na Raia Seca

O segundo filme de Plácido Romero chámase O Tempo na Luparia. A medio camiño entre o cinema ensaio e o documental, rexistra o paso do tempo “e o tempo que reside no pobo” na Raia Seca. Mais concretamente no Concello de Lobeira. Este serán ás oito estréase no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
 

fotograma O Tempo na Luparia
photo_camera Fotograma do 'Tempo na Luparia', de Plácido Romero.

“O tempo habita nas paisaxes que nos conmoven”, di o cineasta na nota de prensa sobre a obra, “na Mota Grande do Leboriero, entre os muros da casa de Xaquín Lorenzo, Xocas, nos rituais ancestrais que contribúen a que os pobos conserven a súa identidade, nas vidas e traballos cotiáns das persoas”. E na “derradeira” xeración de mozos da zona.

Para Romero, que debutara como director de filmes en Cesteando (2016), o seu traballo procura “esculpir o tempo”. “Eu tiña un gran bloque de tempo atrapado en imaxes e testemuñas do pasado e do presente”, di, “e tiven que o ir reducindo laboriosamente ate producir esta obra cinematográfica”.

Entre as referencias en que se fixou para sacar adiante O Tempo da Luparia -producida por Arraianos- atópanse o Amarcord de Fellini, “o estilo claro de José Luis Guerín” ou El cielo gira, de Mercedes Álvarez. A extinción da civilización campesiña e a despoboación do mundo rural galego teñen no filme de Romero un novo documento.

Comentarios