Tempo Catro leva “Os ollos que falan” ao Rosalía da Coruña

O teatro Rosalía de Castro da Coruña será o espazo onde soen o xoves 23 ás 20.30 os poemas da autora da man do Sexteto Tempo Catro. Será a presentación do seu disco “Os ollos que falan” nun concerto organizado pola AS-PG. 

Tempo Catro
photo_camera Tempo Catro

Ás 20.30 do xoves 23 de xaneiro os versos de Rosalía de Castro sentiranse no teatro da Coruña que leva o nome da autora no concerto organizado pola AS-PG no que o Sexteto Tempo Catro ofrecerá para presentar o seu novo disco, “Os ollos que falan”. 

Once poemas de Cantares Gallegos compoñen o último traballo de Tempo Catro, producido pola AS-PG, que visita unha Rosalía actual e viva, con enerxía e forza diante de temas emocionais e sociais. Ritmos de valse ou fado, salsa, xota, mazurca ou pasodobre para visitar poemas que se achegan á conciencia sobre Galiza ou ao amor e o desamor entre outros temas. 

Begoña Lorenzo pon a voz aos cantares de Rosalía que se senten acompañados do acordeón de Suso Iglesias, o piano de Andrés Pazos, o contrabaixo de Antonio Romero, o violín de Javi Cedrón ou a percusión de Pablo Salgueiro. O novo traballo de Tempo Catro naceu no marco da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A música é da autoría de Andrés Pazos e Suso Iglesias que botaron man dos máis variados ritmos para poñer son aos poemas de Rosalía.

Comentarios