Tempe, a filial de calzado de Inditex, bate récord de vendas en 2019

A filial de calzado de Inditex facturou 1.399 millóns de euros no último exercicio, 6,2% máis. 
Sede de Tempe (Inditex)
photo_camera Sede de Tempe (Inditex)

Inditex bendí con cartos cantas empresas acolle. No caso de Tempe, a filial do grupo de moda especializada no deseño, fabricación, comercialización e distribución de calzado e complementos, vén de fechar o exercicio 2019 cun récord de facturación. A firma, participada nun 50% por Inditex (é a única na que a multinacional fundada por Amancio Ortega non controla máis desa porcentaxe) rematou o ano rozando os 1.400 millóns de euros en vendas, segundo comunicou o grupo téxtil galego á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) nun feito relevante.

En concreto, Tempe acadou unhas vendas de 1.399 millóns de euros, o que supón 6,2% máis que o exercicio anterior, no que a cifra de negocio se situou en 1.317 millóns de euros. No que atinxe ao beneficio neto da compañía, este cifrouse en 117 millóns de euros en 2019, superando 3,5% o dato dun ano antes, cando gañou 113 millóns de euros, segundo datos facilitados pola propia compañía. 

Estes resultados permitíronlle ao grupo fundado por Amancio Ortega ingresar 60 millóns de euros en concepto de dividendos pola metade que controla da compañía. Outro 50% está en mans do empresario Vicente García Torres. O ano pasado o dividendo obtido por Inditex situouse por riba dos 20 millóns de euros.

No que atinxe á marxe bruta da filial de calzado de Inditex, esta ascendeu a 369 millóns de euros en 2019, superando así os 354 millóns de euros contabilizados xusto un año antes. Pola súa banda, o resultado neto de explotación (Ebit) foi de 145 millóns de euros, 3,5% máis que en 2018.

Ademais de ser a única filial na que Inditex non supera 50% do capital, Tempe é a única filial situada no País Valenciá, en concreto nun dos principais núcleos de produción de calzado de toda Europa, como é a cidade de Elx. A firma conta tamén con filiais repartidas por México, Brasil, Suíza e a China, nas que o xigante galego da moda posúe tamén 50%.

Comentarios