XOáN CARLOS DOMíNGUEZ ALBERTE, ESCRITOR

"A poesía ten que proclamar alto e claro que nos están aniquilando"

Rostros con enrugas (Corsárias Creación) é o novo libro de poesía de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Colaborador de Sermos Galiza, o poemario é unha crónica do noso tempo, coa voz de quen non a ten, os rastros de quen carece de nome, como as vítimas de Angrois, a quen dedica unha parte do libro. 

Xoán Carlos Domínguez Alberte
photo_camera Foto: Baldo Ramos

Rostros con enrugas é o quinto libro de poesía de Xoán Carlos Domínguez Alberte desde que publicou Mulher a facer vento en 1998, ao que seguirían son de poesía, material de outono, As horas luminosas, Incivil e Materia infinita.

-A que responde o título Rastros con enrugas?

Rastros fala dun protagonismos colectivo, da explotación laboral desde a perspectiva das vítimas. Co concepto rastros fronte a rostros quérese sinalar a invisibilidade das vítimas. Só hai dous nomes propios no libro, o da percebeira Mercedes Veiga que morreu por non ser atendida a tempo e o do indixente O Pichón que apareceu morto na súa casa. Do resto, todos son sen nome. Se nun hospital, de repente, desaloxan os enfermos; se un comercio ou unha fábrica pecha... esa xente desaparece. Para enfatizar a invisibilidade das vítimas emprego o concepto de rastros, como as marcas sobre a terra, que tamén fala do asoballamento por parte do capital que trata ao ser humano coma unha lesma. Son as pequenas pegadas das vítimas que se invisibilizan mais están aí.

-E as engurras,  son marcas do paso do tempo?

Pois buscan suliñar a experiencia que vai curtindo, que produce enrugas tamén en relación co ámbito laboral e a dominación do sistema.

"É importante que se converta en libro testemuña, que quen o lea tempo despois se decate do que pasou desde esa ollada poética".

-O carácter social e de denuncia presente na súa poesía móstrase neste novo libro de forma radical. A que responde esta insistencia en analizar de xeito crítico a realidade que vivimos a través dos poemas?

Trátase claramente dun poemario comprometido. En Incivil, o penúltimo libro que saquei , está enxergada a perspectiva das vítimas que padeceron a represión franquista e era xa un libro de claro compromiso, de combate e maldicer, como cualificou Mercedes Queixas Rastros con enrugas. Defendo que o intelectual non debe ficar alleo á realidade do seu tempo senón todo o contrario e insisto nesta idea en especial vendo que moita xente está a pasar a unha postura de caladiños e acomodaticios ao poder. Cómpre reaccionar e os que así pensamos temos que, tamén na poesía e na literatura en xeral,  proclamar alto e claro que nos están aniquilando.

-A poesía cumpre, ao seu ver, ese papel de denucia?

Defendo que a poesía cumpre unha función moi acaída nese sentido, para min é como unha inxección de adrenalina en vea que ten unha dobre particularidade. A primeira é o seu efecto inmediato, unha carga de profundidade directa á intelixencia e a segunda é o seu valor duradeiro. O libro de poesía permíteche múltiples lecturas e relecturas e non se esgota nunca. Unha novela remata cando se le, a poesía é distinta en cada nova lectura. Se me pediran que escollera só un libro para levar a unha illa deserta sería, seguro, de poesía, por esa condición de obra de multitude de lecturas. 

-Este libro é, sen dúbida, o que máis achegado está ao xornalismo. Por veces, algúns dos seus poemas mesmo semellan crónicas en verso. 

O libro pretende ser un xogo no que se lle dá unha importancia fundamental á linguaxe que ten unha dimensión especial xa que pon en evidencia a súa utilización por parte do poder. Isto faise en dous sentidos, como arma de defensa e como ariete de ataque. Cando din e promoven expresións como fomentar a competitividade estanlle avanzando á sociedade conceptos novos de aniquilación. De aí ese apego á realidade e ese xogo coa linguaxe que tamén se pon en evidencia en poemas como “Dez  mandamentos de doutrina popular en tempso de crise” no que o acervo noso popular se presenta como un bálsamo para afrontar a realidade cruel. Isto entra tamén en relación con outro aspecto do libro que é a mirada sobre esa realidade desde aironía, desde o sarcasmo, para poñer en evidencia a súa crueldade.  

-Cando os poemas están tan apegados á realidade poden trascender no tempo ou responden só ás urxencias do momento?

É a calidade poética a que determina que iso dure e perdure. Todos sabemos de artistas que non foron valorados no seu tempo e anos depois descubríronse e non se apagan nunca. De todas maneiras, independente de que trascenda ou non o seu tempo, é ao meu ver importante que se converta en libro testemuña, que quen o lea tempo despois se decate do que pasou desde esa ollada poética. Trátase tamén de abrir os ollos, ás veces non se toma conciencia da miseria porque a caixa de resonancia do poder agoccha a realidade. 

-A literatura ten, en certa medida, obriga de transparentar o sofrimento da súa época? 

A función do escritor é ser testemuña do seu tempo. No libro aparecen moitas citas de autores e autoras aos que sigo e estimo. Son autores que, sen dúbida, están comprometidos coa realidade do seu tempo desde Sarrionandia ate Mahmud Darwix e en todos eles dase esa mesma vontade. Quedan aínda escritores qu enon fuxen desa realidade aínda que haxa tamén moitos que se evaden en torres de cristal ou que se deixan suavizar polos bálsamos e pequenas tentacións que lle ofrece o poder. Para min, o intelectual ten que estar comprometido e ser crítico, se non non é intelectual. 

-A súa é xa unha ampla traxectoria, con moita participación en libros colectivos, ensaios e outros xéneros ademais de cinco obras poéticas. Como situaría este novo libro na súa obra?

Procuro ser coherente en todos os ámbitos da miña vida. Este libro é un chanzo mái nun proceso de compromiso coa nosa xente, coa nosa terra. Na miña obra hai varias claves que están sempre presentes como son a terra, os desvallidos o amor, o afecto ou a memoria. Este libro é un grao máis nese proceso. Baldo Ramos, que fixo as ilustracións, quixo xuntar varios elementos co vermello que identifica o revolucionario, a revolución dos cravos coa flor e o amor que é a rosa. 

-Sorprende tamén atopar con tantos poemas dedicados ás vítimas e ao accidente de Angrois. 

Eses poemas foron feitos case en tempo real, conforme se ían vendo as mentiras, os desmentidos, aquel horror dos primeiros días... Xurdiu de dentro e quere poñer en evidencia as contradicións, que os culpábeis están claros, que existen. Hai un proceso de mestizaxe de xéneros e o que trato de dar é un enfoque a unha dimensión poética. Moita linguaxe da empregada é xornalística. Dáse unha ampliación do universo poético do liro en relación coa realidade vía xornalismo. Que eu saiba son os primeiros poemas publicados en libro sobre o acontecemento dde Angrois. 

-Outra das preocupacións que se intúen no libro é o abandono do mundo interior, que xa aparece en máis traballos seus. 

É un mundo co que a mantenta uns queren acabar en contra dos que nos resistimos a que se perda tanto na terra como nos montes ou a produción e a xente. Certamente é unha das claves máis importantes do meu universo intelectual, a defensa do mundo interior que para min é moi simbólico e real e está moi presente no meu anterior libro Materia Infinita. Ese abandono do interior pola adopción de valores capitalistas alleos está a producir a perda dos nosos modelos de produción, a fame a a alienación. 

-Malia iso, o libro non é pesimista. É a vontade de reaxir a que o impide?

Non comparto a visión desde a nostalxia, o paraíso perdido que é como aceptar a denuncia, a derrota. Dado o meu carácter vital e comprometido non podo compartir esa posición. Son contraposto á rendición e, nese sentido, unha máxima que teño sempre preesnte é a de “denantes mortos que esclavos”. O compromiso é loita e movemento e non pode claudicar, renunciar, ningún intre da nosa existencia. 

Comentarios