“Temos dereito a vivir e traballar aquí”, di Rodil na presentación das listas do BNG en Lugo

“Se temos a confianza dos e das galegas a partir do 10-N condicionaremos calquera apoio de investidura a que teñamos un prezo xusto da electricidade para salvar as nosas industrias electrointensivas e o emprego en Alcoa, e tamén a que teñamos unha tarifa eléctrica galega que permita a sociedade beneficiarse da riqueza deste país”, proclamou Ana Pontón esta sexta feira.
Candidatas e candidatos do BNG por Lugo, esta sexta feira. [Imaxe: BNG]
photo_camera Candidatas e candidatos do BNG por Lugo, esta sexta feira. [Imaxe: BNG]

Unha candidatura de país, diversa, plural e representativa de todas as comarcas. Así se presentaron esta mañá as candidatas e candidatos que integran as listas do BNG pola circunscrición de Lugo, con Olalla Rodil, deputada no Parlamento galego, como cabeza de lista ao Congreso.

“Somos conscientes da frustración e do cabreo ante esta repetición electoral, pero debemos converter o 10-N nunha oportunidade para acabar coa discriminación e o desprezo das forzas estatais”, dixo Rodil. E reclamou un estatuto para as electrointensivas, a modernización das infraestruturas ferroviarias, e tamén o respecto dos dereitos sociais e laborais. “Saímos a por todas para poñer Lugo no mapa, porque temos dereito a vivir e traballar aquí, desta vai que Galiza volve ter representación no Congreso”, afirmou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén puxo o énfase na defensa do emprego industrial e explicou que as nacionalistas teñen como obxectivo “levar a Madrid unha voz galega que coloque na axenda do Estado as cuestións clave para Lugo”. A líder nacionalista instou a “transformar o cabreo nun voto que defenda dos intereses dos galegos e das galegas”. 

Comentarios