SIMONA LEVI, DIRECTORA DE TEATRO, ARTISTA E ACTIVISTA

“A televisión ten aínda un poder total no ámbito electoral”

Simona Levi é directora de teatro, artista multidisciplinar e activista en temas de libre circulación do coñecemento, a cultura e a información, de defensa de internet e de loita contra a corrupción. Hoxe ofreceu unha charla en Compostela e na sexta presenta na Coruña un espectáculo sobre o caso Bankia que ela mesma contribuíu a destapar. 

simonalevi
photo_camera Simona Levi

O currículum tanto artístico como activista de Simona Levi (Turín, 1966) impresiona. Participou activamente nos movementos para o dereito á vivenda e o uso do espazo público. Nos últimos anos centrouse na cultura libre, a democracia dixital e o uso estratéxico das ferramentas dixitais para a organización, a comunicación, a acción colectiva e a renovación da democracia. Iniciadora de proxectos como 15MpaRato, que abriu o xuízo á cúpula de Bankia, participa activamente no 15M desde Barcelona. Co-autora de varios libros, entre eles ‘Tecnopolítica, internet y r-evoluciones’.

- Hoxe dás unha charla sobre “A cultura libre como demo dunha nova cultura democrática”. Pero que queremos dicir cando falamos de cultura libre?
- Hai moitas definicións, algunhas moi científicas. A miña é que a cultura ten que circular libremente e cando xera riqueza económica ten que ser redistribuída entre todos os que crean o produto cultural, polo tanto non estamos a falar de cultura de balde senón de libre circulación da cultura, da información e do coñecemento. 

A cultura ten que circular libremente e cando xera riqueza económica ten que ser redistribuída entre todos os que crean o produto cultural

- Ti opuxécheste sempre aos tradicionais dereitos de autor. Cal é a alternativa que propós?
- Digamos que a Lei de Propiedade Intelectual nace cunha intención que pode ser non compartida, pero en todo caso os mesmos defensores talibáns desta Lei non están a respectar o seu espírito. A min bastaríame que se respectase da idea da propiedade intelectual, que se creou a finais de 1800 coa intención de dar un plus aos cidadáns creadores de cultura e coñecemento porque achegan un ben ao conxunto da sociedade. Este plus eu creo que non é un plus sen condicións. Os talibáns da cultura do copyright afastáronse disto e en ningún momento se está a intentar equilibrar o copyright e os dereitos de autor, que normalmente só reciben unha minoría, ao ben común. En xeral isto tense que repensar á vista de que hai agora unha ferramenta como Internet que permite a moita máis xente achegar máis cousas ao común e que non recibe ningún tipo de dereito de autor. 

- Falando de Internet, a rede facilitou a libre circulación do coñecemento pero cada vez máis as grandes empresas ameazan a súa neutralidade. 
- Si, hai unha loita importante sobre a neutralidade da rede, porque supuxo unha perda de statu quo por parte de grandes multinacionais e dos poderes fácticos, e  estase a intentar transformar nunha outra televisión, que o acceso e o seu uso estean en mans de grandes multinacionais e de gobernos, tal e como acontece coa televisión. Actualmente hai unha loita en curso por esta razón, que en EEUU gañouse o ano pasado porque Internet foi declarado como servizo público. E en Europa loitamos moito e a lei que aprobou o Parlamento Europeo é un pouco peor que a que se aprobou en 2014, pero igualmente a directiva conseguimos que fose mellor que a que se intentou nun principio e temos garantida unha certa neutralidade tamén en Europa, o cal é un moi bo resultado na loita dos dereitos cidadáns na era dixital. 

Hai unha loita importante sobre a neutralidade da rede, porque supuxo unha perda de statu quo por parte de grandes multinacionais e dos poderes fácticos

- Ti tamén es unha referencia en canto a democracia dixital e avogas por un uso estratéxico das ferramentas dixitais para avanzar neste tema. 
- Eu máis que das ferramentas dixitais, que non teño moita habelencia tecnolóxica, eu creo que o que é moi importante é a filosofía que achega Internet, moito máis que as ferramentas en si. Eu non estou de acordo con algúns grupos políticos que substitúen unha verdadeira participación cun exceso de uso de tecnoloxías. Eu creo que non fai falta utilizar tanta tecnoloxía. Eu sempre fago unha comparativa entre a revolución francesa e o 15M: a invención da imprenta abriu a mente e a circulación do coñecemento, e foi a tecnoloxía que impulsou o nacemento da Ilustración e logo a Revolución Francesa que se basea neste pensamento. E eu creo que Internet creou un tipo de filosofía que é a filosofía hacker, que é tamén a mesma filosofía coa que nace co 15M nas redes. Eu creo que é máis a filosofía de que moita xente pequena pode facer cousas en rede, que é algo metodolóxico, moito máis que o uso de por si da tecnoloxía, que está moi ben, pero que non é tan central. 

- Falas do 15M, do que fixeches parte en Barcelona. E logo formaches parte dunha candidatura ás eleccións europeas en 2014, o Partido X. Como foi a experiencia desta incursión na política?
- Digamos que eu mesma fundei o Partido X coa idea de crear un prototipo de todo isto que che estou a explicar. Cando lanzo algunha idea de teoría política gústame experimentala na práctica. Entón foi máis ben un exemplo prototípico de como debería ser un partido a partir de agora, que é realmente é un anti-partido. Podo dicirche que a pesar de que estamos a avanzar moito, a televisión ten aínda un poder total no ámbito electoral, porque aquí xóganse moito os poderes fácticos e de momento é moi difícil contar con algún apoio mediático para poder crear cousas profundamente novas nun espazo electoral. Pero hai experiencias, creo que En Marea é unha delas, que están a loitar ben neste ámbito, pero de momento a televisión segue a ser o amo e señor das opinións. 

Eu non estou de acordo con algúns grupos políticos que substitúen unha verdadeira participación cun exceso de uso de tecnoloxías

- Como evolucionou o movemento 15M desde os seus inicios até agora?
- Ben, seguimos avanzando aínda que segue a haber un chisco de cansazo, tamén o feito de que esteamos todo o tempo en periodo electoral, non facilita moito, porque sempre se fala do mesmo e non se pode avanzar moito noutros ámbitos de loita, entón eu creo que deberiamos ver como seguimos unha vez rematada esta agónica etapa. Estamos parados agora por iso, pero avánzase moito nos municipios onde hai gobernos de cambio, en Cataluña tamén se avanza en temas importantes, pero o dos procesos electorais é unha trampa moi fea que pode cansar moito ao movemento. 

- Até o de agora pregunteiche pola túa faceta de activista, pero tamén presentas na Coruña esta sexta feira no Teatro Rosalía a obra de teatro “Hazte banquero. Tarjetas Black: Todo lo que quisieron ocultarte”, que dirixes. 
- Si, abrimos a temporada no Rosalía, é unha obra que é parte do proxecto 15MpaRato, que é a causa do caso BAnkia, que abrimos contra Rodrigo Rato en 2012, todo o tema das tarxetas black e a filtración que fixemos dos correos de Blesa. Estamos traballando moito no tema das filtracións por parte de cidadáns en casos de corrupción, e como son directora de teatro estouno tentando explicar para que a xente poida coñecer de primeira man a información e que xuntos sexamos activos nestes ámbitos. A obra estase facendo agora porque o xuízo oral será en 2017 e queremos que a cidadanía estea informada e que sexa activa. 

Comentarios