Opinión

Teatro ou poesía

Hai unha semana asistín a unha representación de teatro de obxectos.

Un encerado, un xiz, o borrador, varios libros, unha xerra ou restos de material de encadernar  compuñan a escenografía necesaria para recrear un mundo en que os cumes das montañas, os ríos, os lugares, a neve, a memoria dos que foron represaliados instaláronse entre nós coa única intervención dunha persoa e a música preparada para acompañar a súa palabra.

Durante unha hora ficamos prendidos á aquela maxia. Entramos dentro dos poemas con que o performer nos foi envolvendo e realmente vimos nevar sobre o Caurel cando co pequeno xerro de porcelana foi deitando os furados da engargueladora sobre os libros brancos que representaban as casas caladas e quentes na noite.

Algo tan sinxelo, en aparencia, acabou por se converter nunha representación delicada e minimalista que nos conduciu ao asombro. O asombro era o título da peza, de Fantoches Baj, que se subtitulaba: teatro de obxectos con textos de Uxío Novoneyra.

E pensei, penso, que é a inmensidade da poesía a que pode facer nacer esta beleza. A palabra poética que tantas veces nos leva polo camiño da reflexión para deternos diante das ideas que deseña para nós no fondo da mente coma se dun ensaio se tratase. A palabra poética que nos guía a través das imaxes até envorcarnos nun relato do que non saímos indemnes. A palabra poética que  atravesa a parede da estrofa e pon os versos ao servizo da imaxe en acción que é o teatro.

É así como a poesía devén fulcro sobre o que vai xirando a emoción até entregarnos o máis fino dos alentos, algo que se instala no centro do ser e acouga.

Alí, ante a sinxeleza e a beleza, rememorei outra representación realizada meses antes, e a miña memoria devolveume a fascinación de converter un proxector de opacos nunha auténtica fábrica de imaxinación a destilar para nós imaxes nacidas dos poemas de Helena Villar. Era a peza Interferencia varada da compañía Xerpo, residente na sala Ingrávida do Porriño.

Teatro e poesía, beleza.

Comentarios