A cargo de Lucecús

Teatro para conmemorar o 87º aniversario do nacemento de Manuel María

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos vai festexar o 87 aniversario do nacemento do autor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas. Farao este sábado, na Casa-Museo de Outeiro de Rei, cunha xuntanza anual de amigos e amigas da fundación e coa representación da obra A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna, de Lucecús.

Lucecús Teatro representará "A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna"
photo_camera Lucecús Teatro representará "A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna"

O 6 de outubro de 1929 vía a luz en Outeiro de Rei Manuel María. Con motivo do 87º aniversario do seu nacemento, a fundación que leva o seu nome organizou un festexo que terá lugar este sábado na Casa-Museo. Consistirá na xuntanza anual de amigos e amigas da fundación, o amplo grupo de persoas que durante o ano colaboran económica e organizativamente coas actividades que desenvolve a entidade e coas iniciativas relacionadas coa difusión da obra de Manuel María.

No encontro de amigos e amigas da Fundación, farase un balanzo da intensa actividade do último ano e achegaranse propostas para novos proxectos a curto prazo. E é que desde os seus inicios, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos apostou en buscar un funcionamento o máis aberto e participativo posíbel.

Representación teatral

Aliás, no marco da conmemoración do nacemento do escritor ao que se lle dedican este 2016 as Letras Galegas, Lucecús representará a obra A verdadeira historia do poeta Manuel Paderna, un presente simbólico para o autor e para quen queira achegarse a Outeiro de Rei o sábado (a asistencia é libre e de balde). A obra representarase a partir das 17h, e de xeito itinerante polos espazos da vila que o poeta máis amou.

Con esta iniciativa, a compañía teatral busca difundir o rico universo literario de Manuel María a través do personaxe Manuel de Paderna, amigo e veciño do poeta, criado na casa natal e primeiro mestre do escritor “no oficio de facer versos” chegada a primeira adolescencia.

Comentarios