Imprimir

As tarefas pendentes de Feixoo na sanidade

Redacción | 12 de febreiro de 2019

As miles de persoas que encheron as rúas e prazas de Compostela este domingo lembraron ao presidente galego as frontes abertas que ten na sanidade pública. Non son poucas. De Atención Primaria aos PAC, pasando por urxencias hospitalarias ou as ambulancias. Feixoo debería tomar nota das tarefas que a este respecto lle pon unha parte considerábel da sociedade galega.

 

Miles de persoas en defensa da sanidade pública galega (10.000 segundo a Policía local e 30.000 segundo os convocantes) mentres o presidente de Galiza estaba a 600 quilómetros participando nun acto partidista pola unidade de España. Escoitaríaos entre tanto ‘Puigdemont a prisión', ‘Viva España’ ou ‘Sánchez, Traidor’? Porque eses miles de galegos e galegas que este domingo encheron rúas e prazas da capital de Galiza tiñan mensaxes e recados para o que é o presidente galego: unha lista de tarefas a cumprir para reverter o deterioro no dereito á saúde. Que fará Feixoo?

 

Atención Primaria: A liña sanitaria máis afectada por recortes e cuxa precarización e deterioro afecta a todo o resto do sistema sanitario. “Se Atención Primaria colle frío, todo o sistema sanitario espirra”, resumira un profesional deste servizo.  A dimisión a finais do ano pasado dos xefes de servizo da área sanitaria de Vigo obrigou a Xunta a mover ficha perante a evidencia da saturación deste servizo, non só nesa área sanitaria senón en todo o país. O Sergas iniciou un diálogo cos profesionais e comprometeu mellorar os contratos para dar máis estabilidade profesional así como outras medidas, como convocar 116 prazas para Atención Primaria na oferta pública de emprego para este ano. Desde o colectivo lembran que esas prazas son insuficientes para paliar as consecuencias destes anos de recortes en Galiza. Aliás, lembran que aquí dedícase 12% do orzamento sanitario a AP, cando a porcentaxe  recomendada é o duplo, 25%.

 

Pediatría: Outra das reivindicacións presentes en cartaces e faixas na mobilización do domingo. Nos últimos meses houbo varias protestas e mobilizacións en diferentes partes de Galiza (O Salnés, Trives, Costa da Morte…) pola falla ou escaseza deste servizo. A Asociación galega en defensa da sanidade pública cifra en 40 as prazas de pediatría a crear. Desde a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria denúnciase que apenas hai xente para facer relevos y que por volta de 12% das prazas de pediatra están ocupadas por médicos de familia. A proposta do Sergas a finais do ano pasado de crear a figura do ‘pediatra de area’ tivo que ser retirada perante a oposición xerada.

 

PAC. Punto de Atención Continuada. Outra fronte importante que ten aberta o Sergas. O persoal protagoniza unha folga indefinida para pedir máis medios e material. O falecemento dun paciente sen asistencia médica no PAC da Estrada no verán puxo de relevo a precariedade da situación. Nas últimas xuntanzas entre comité de greve e Sergas houbo avanzos, pendenets de concretar nestes días. Porén, os traballadores e traballadoras dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da Coruña cualificaron como "insuficiente" o borrador da proposta presentada polo Sergas ao comité de folga na última xuntanza.

 

Ambulancias: Os 1.500 traballadores e traballadoras deste servizo en galiza están en greve por un convenio digno. Piden á Xunta que asuma as súas responsabilidades pois sacaron os contratos a concurso por debaixo do seu custo e  aceptaron as propostas con baixa temeraria presentadas polas empresas para competir entre elas. A administración galega non move ficha, o que ten como consecuencia a continuidade na greve: do 8 ao 24 de febreiro e despois do 4 ao 10 de marzo para, se non hai acordo, volverse o paro indefinido.

 

Urxencias: Semanas de greve no servizo de Urxencias do CHUS compostelán, que toma o relevo aos protestos que nestes meses tiveron lugar noutros hospitais galegos. Demándase máis medios e persoal para poder prestar un servizo digno e de calidade. A última oferta do Sergas (aumentar persoal nalgún dos colectivos) non convenceu a maioría do cadro de persoal, que nunha votación apostou en manter a greve.

 

Áreas Sanitarias: Diferentes profesionais sanitarios e representantes de plataformas en defensa da sanidade pública (Manuel Martín, Manuel G. Moreira) teñen denunciado as consecuencias do cambio de modelo da Xunta, que suprimiu as áreas sanitarias do Salnés e o Barco. A Xunta non pensa recuar nesta decisión que, advirte a oposición, supón castigar e marxinar sanitariamente determinadas comarcas do país.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/tarefas-pendentes-feixoo-sanidade/20190211140216075972.html


© 2020 Nós Diario