Opinión

Deportivo: suspenso en matemáticas

O Dépor leva toda a temporada suspendendo a materia de matemáticas porque se esqueceu de sumar. Non soubo sumar ni de un en un, nin de tres en tres ó principio da temporada e agora que a Liga chega o seu solpor tampouco recupera o suspenso. 

A vitoria do Levante no último segundo do partido co Málaga foi unha enorme mazada para o equipo, abofé, pero tamén debeu servir para que o pésimo alumno branco e azul herculino se sentise aguilloado. E se se fala tanto de matemáticas e porque son os protagonistas os que que lembran que mentres as probabilidades e as sumas non digan o contrario as contas aínda poden saír. Seedorf, e os xogadores que lle mercan a mensaxe, cren saber o resultado final, a solución ó exercicio, e sitúanse desde o punto de vista optimista, pero á vez están a facer trampas nos sumandos. Soñar ou ilusionarse con probabilidades de resultados non resulta nada científico, ademais de que para que cadren as contas, co calendario que lle espera ó Dépor, case case hai que pasar da ciencia ó chamanismo. E todo fai pensar que só un bruxo as podería compoñer. 

Ademais para falar de contas, de sumas, de resultados e de posibilidades factibles de salvarse hai que mostrar máis que números e hipotéticos resultados propios e alleos. Con só dúas xogadas protagonizadas por Lucas no primeiro tempo e sen ofrecer ningunha outra xogada no resto do partido non hai matemática aplicable. Ademais, o equipo saíu na segunda parte sen loitar e sen buscar a porta do rival. Unha forma de manifestar que por un lado van as sumas e os sumandos e por outra vai o déficit das contas onde os goles seguen brillando pola súa ausencia. De canto é o déficit? De 102 puntos posibles en 34 partidos sumou, unicamente, 28. En todo caso, a razón matemática dilúese para pasar a un campo moito máis filosófico, onde os síes condicionais e as premisas adiantan as conclusións sobre o futuro dos actuais futbolistas.

De 102 puntos posibles en 34 partidos sumou, unicamente, 28

 

Para soñar, como queren os rapaces de Seedorf e o propio holandés, hai que mostrar outra disposición. Empezando polo equipo, tomando a iniciativa, buscando o gol, tirando a porta máis e máis e afinando a puntería. E seguindo polo adestrador, realizando outro tipo de trocos e sacando outro tipo de motivación e reacción dos seus. O partido do Dépor en Leganés foi horrible. Non se pareceu en nada aos vistosos partidos da reacción deportivista das últimas semanas. O cadro coruñés recupeou o traxe de equipo anodino, sen espírito, esgotado e sen ideas para atopar a forma de obter unha vitoria. O Dépor xogábase en Leganés a vida tanto como no medio da semana ante o Sevilla ou o sábado anterior en Bilbao, pero en Butarque as luces optimistas de Seedorf pasaron das de cruce a posición. Con tan pouco tempo para o final da Liga non vale tomar folgos, ainda que o equipo os precise. O partido do Leganés, sobre o papel, era o único partido manexable que lle quedaba. O empate, xa que logo, sabe a moi pouco, por insuficiente.

E mentres pasaban as horas do último encontro decepcionante dos deportivistas, consolidouse o descenso das Palmas. O Dépor agora espera con ansia á noite do luns para saber que fai o Levante [finalmente o equipo granota gañou 1-3]. O desexo é que perda. Os valencianos responden a tal ambición, cada vez que gañan, saíndo en televisión e polas redes sociais a celebralo por todo o alto como se gañasen o mundialito de clubes. 

Volvendo ao partido de Butarque, no canto de amolar e crear maior xenreira no equipo de Seedorf a resposta a tal explosión de ledicia do Levante foi unha inquietante manifestación de pasividade. Como se co Dépor non fosen as apreturas da Liga. Pesarían as pernas tras xogar tres partidos en sete días. Unha excusa vaga despois dunha temporada en branco. Pero máis pesan os quilómetros do último desprazamento por parte dos afeccionados branco e azuis que soñan con que a reacción continúa progresando. Por iso, o partido ante o Leganés non só non convence senón que devolve os seareiros á conclusión de que a reacción chegou tardísimo.


Nota: Este artigo foi escrito antes do Athletic Club-Levante.

Comentarios