Imprimir

Suspenden o rescate do 'Blue Star' ao contratar o armador unha compañía holandesa

Redacción/ Europa Press | 24 de novembro de 2019

O Blue Star na costa da ría de Ares (Iago Varela)
O Blue Star na costa da ría de Ares (Iago Varela)
SMIT Salvage farase cargo de retirar o buque. Antes deberá presentar un plan de salvamento que terá que aprobar Capitanía Marítima.

O armador do quimiqueiro 'Blue Star' decidiu contratar a empresa holandesa SMIT Salvage para tratar de rescatar o buque quimiquero que continúa embarrancado na costa da ría de Ares desde a medianoite da pasada sexta feira.

Por este motivo Salvamento Marítimo decidiu non intentar a operación que tiña previsto realizar para retirar o quimiqueiro da costa.

Responsábeis de SMIT Salvage deberán presentar un plan de salvamento

Agora, responsábeis da empresa holandesa deberán presentar a Capitanía Marítima un plan de salvamento, que terá que ser autorizado e que permitirá que os profesionais de SMIT Salvage se fagan cargo do rescate nunha data aínda por determinar.

O 'Blue Star' leva fuel para o seu funcionamento


O quimiqueiro 'Blue Star' non levaba carga de produtos químicos no momento do accidente mais ten no seu interior entre 40 e 50 toneladas de fuel para o seu funcionamento. Este combustíbel precísase para realizar as manobras de rescate polo que continúa no buque.

O tenente alcalde do concello de Cabanas, Iago Varela, explica a Sermos Galiza que a Autoridade Portuaria comunicou este sábado aos municipios da zona que activaran o estado de prealerta en previsión de posíbeis vertidos de fuel nas manobras de rescate. En contacto con ese organismo explica que lle indicaron que "as barreiras anticontaminación están xa preparadas nun camión e listas para ser empregadas se é necesario".

Néstor Rego cre que os medios que hai "non son os adecuados"

 

O deputado do BNG Néstor Rego reaccionou á nova denunciando nas súas redes sociais que a armadora "renuncia a continuar tentando sacar o barco cos medios que hai porque non son os adecuados e por medo ao posíbel deterioramento". Asegura que "continuamos indefensos" e "no Centro de Coordinación de Salvamento en Madrid, 600 km terra adentro, todo isto preocúpalles pouco: medios inadecuados e privatizados".

Rego non entende que "contando cun centro loxístico con medios anti-contaminación a apenas cinco quilómetros do lugar en que o 'Blue Star' está encallado non se colocasen aínda barreiras de contención para previr posíbeis fugas de combustíbel". Para o deputado nacionalista "termos soberanía sobre a nosa terra e o noso mar maniféstase a cada día como unha necesidade peremptoria e evidente".

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/suspenden-rescate-do-blue-star-ao-contratar-armador-compania-holandesa/20191124144048087332.html


© 2020 Nós Diario