Susi Gesto, ourive: "Dicía meu pai que podes aprender a técnica, mais tes que buscar a túa identidade no obradoiro"

Susi Gesto, ourive (Nós Diario)
photo_camera Susi Gesto, ourive (Nós Diario)

Os oficios artesanais teñen moito de paixón. Quen traballa neles sabe que mantén un anaquiño da tradición, evitando que se esfarelen saberes antigos que se perden no tempo. A ourivaría é un deles, e Susi Gesto un exemplo de como continuar alimentando a sona desta profesión en Compostela. Da súa mesa de traballo saen pezas únicas con personalidade propia. Tamén conservan, nos encargos especiais, algo da alma das persoas que levarán consigo deseños únicos. Son a antítese do consumismo feito a lume lento, sen apuro.  

Como entra no mundo da ourivaría?

Meu pai e meu avó eran ourives. Os catro irmáns criámonos nese ambiente, no obradoiro, xa desde cativos. Cando rematabamos de facer os deberes meu pai puña bodegóns para que pintaramos. Lembro que mesmo nos mercou unha mesa desde moi nenas para aprender as cousas pequenas. Foron os inicios de todos os irmáns. Eu non quixen saber nada durante moito tempo e reenganchei pasados os 30 anos. 

Como foi a aprendizaxe posterior?

Retomei polo falecemento de meu pai cando todo o seu obradoiro foi para un galpón. De feito el pensou que na nosa familia o oficio, dalgunha maneira, morría con el. Por outro lado no oficio de ourive aprendes todos os días. A primeira aprendizaxe foi de cousas doadas cando nena, logo hai outras que vas asumindo. O papel de aprendizaxe veu a partir da miña irmá Leo, que traballou con el desde os 16 até os 30 anos. Foi ela quen me ensinou aquilo que non sabía. E ademais contei sempre cun ourive que xa está xubilado, que cada vez que teño unha dúbida ou calquera cousa sempre me asesora.

Bebe da  gran tradición que hai deste oficio en Compostela? 

O máis bonito deste oficio é que está ligado á cidade de Compostela. Hai grandes ourives aquí. Houbo moitas sagas e moitas especialidades. Bebo da tradición porque parte do meu traballo é non renegar dela. Logo doulle a miña propia visión. Recollo a técnica da filigrana e sigo a traballar o acibeche de forma artesanal, que aínda queda do que tiña meu pai, do que viña de Asturies. Gústame darlle unha volta. A mestura da prata e o cobre é algo moi meu. Meu pai sempre dicía que podes aprender a técnica, o oficio, mais tes que buscar a identidade no obradoiro.

Mudou a ourivaría cos anos en Compostela?

Claro. Penso que todas as tradicións e os oficios teñen que evolucionar en función de como mudan as cousas sen perder a esencia. Tamén cambiaron as técnicas.

Que é o máis difícil desta profesión?

E que falas cunha apaixonada. Non sei que contestar. Teño unha filosofía moi definida. A min o que me sería máis difícil é repetir peza ou empregar técnicas que non sexan artesanais. Se me converto nunha máquina xa perde para min toda a emoción do traballo diario no obradoiro. Meu pai empregaba o oficio como unha ferramenta de expresión. Era tamén un apaixonado e transmitíunolo desa maneira. Eu dedícome a isto por vocación. Se fose un traballo máis dedicaríame á hostalaría como xa fixen durante 9 anos. 

Como traballa as xoias personalizadas?

Cando fas unha xoia personalizada é porque a persoa que che fai o encargo considera que hai unha historia detrás e quere que quede nesa peza. Comezo por facerlle unha entrevista. Se non coñeces a persoa tes que falar moito con ela. Ela é chave para que a peza sexa un éxito. A escolla dos materiais, das formas, sempre vai en función da historia que se quere contar.

De onde saca as ideas para crear os deseños?

A cidade de Santiago xa é inspiradora. Tamén a natureza. Cando estás facendo unha peza para alguén tes que coñecelo. soñas todo o día  na mesa. A inspiración aparece en calquera lugar.

Comentarios