O Supremo advirte o Govern que prevaricaría se excarcera os presos do 'procés' pola pandemia

A ameaza chega despois de que o Departamento de Xustiza catalán abrira unha vía para que os internos cataláns baixo o artigo 100.2 do regulamento penitenciario poidan pasar a corentena na casa.

esther_capella
photo_camera A conselleira de Xustiza da Generalitat, Ester Capella (Europa Press)

A sala do Tribunal Supremo que xulgou o caso do procés independentista en Catalunya advertiu nesta terza feira, 31 de marzo, ao Govern da Generalitat que a excarceración dos líderes independentistas pola pandemia da COVID-19 podería enmarcarse nun delito de prevaricación.

Nunha nota remitida polo seu gabinete de prensa, o alto tribunal español sinala que no caso de que a Xunta de Tratamento dos cárceres onde se atopan os presos da causa do procés acorde a súa excarceración para cumprir o confinamento nos seus respectivos domicilios, ese órgano deberá dirixirse a cada unha desas xuntas de réxime xeral, así como ao director ou directora dos centros respectivos, para que o máis axiña posíbel expliquen o fundamento xurídico que xustifica esa decisión e identifiquen de forma nominal o funcionariado que apoiase o acordo.

"Iso enmarcaríase na esixencia de responsabilidades penais pola posíbel comisión dun delito de prevaricación", engade a nota, que se emite despois de a conselleira de Xustiza da Generalitat, Ester Capella, asegurar que as xuntas de tratamento dos cárceres cataláns estudarían a posibilidade ao longo desta terza feira.

Artigo 100.2

A idea é que os presos baixo o artigo 100.2 do regulamento penitenciario ─que permite saídas diarias para traballar, facer voluntariado ou coidar de familiares, entre outras cuestións─ pasen a corentena nas súas casas, co fin de reducir a poboación penitenciaria e minimizar o risco de contaxio. En Catalunya hai 101 presos baixo o artigo 100.2, entres estes os nove líderes independentistas condenados polo 1-O.

Comentarios