O suplemento 'Producir' achega "algunha lección da pandemia"

Mañá, nas páxinas centrais do teu Nós Diario, o caderno centrado na economía afonda nas consecuencias do coronavirus neste eido.
Saber Facer
photo_camera O 'Saber facer' de hoxe propón "algunha lección da pandemia"

Unha das leccións que nos deixa a actual pandemia ten a ver coa necesidade do colectivo, do público, para protexernos. A medida que ía transcorrendo a emerxencia sanitaria, vimos o importante que é termos unha sanidade pública de calidade e apostarmos pola investigación sanitaria, así como por políticas sociais avanzadas que loiten contra a pobreza e as desigualdades.

Tamén ten ampla aceptación a necesidade do público na mobilización de inxentes recursos para loitar contra a crise e a reactivación económica. No caso galego, debería incluír unha ambiciosa aposta por reorientar e reindustrializar o noso tecido produtivo, cuestión da que sería ben falar devagar noutra ocasión.

Lembremos que é o Goberno galego quen ten a meirande parte destas responsabilidades e competencias, polo que a primeira derivada destas aprendizaxes é clara: Galiza precisa de máis recursos económicos e capacidades para impulsar estas actuacións prioritarias.

Un novo modelo de financiamento

A segunda derivada tamén a obtemos con facilidade: para Galiza contar cun marco estábel que achegue máis recursos, é preciso concertar un novo sistema de financiamento, que dun xeito cualitativo supere o anterior e que nos dote de ingresos coa autonomía e suficiencia precisa. Xusto o que Núñez Feixoo non demandou durante os seus Gobernos.

Isto ten que levar aparellado un novo ordenamento dos gastos de cada Administración. Galiza debe dispor dos fondos acorde ás responsabilidades que asume, en detrimento dun sobrerrepresentado gasto estatal, que ademais está moi afastado das necesidades que pon de manifesto esta crise, como o militar -en especial os programas de renovación do armamento-, o financiamento á Igrexa católica, unha burocrática rede diplomática, a Casa Real, ou ministerios baleiros de competencias. 

(Podes ler o artigo íntegro de 'Algunha lección da pandemia'  no suplemento Producir, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as quintas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, reflexionamos sobre a "volta ás andadas" da banca e a suba do prezo dos alimentos; obre o espectacular queixo de San Simón;  María Cadaval eo economista Manoel Barbeitos deixan as súas opinións nas seccións 'Forza motriz' e 'Pé a terra', e Elena Pérez Canal, directora de márketing de Aceites Abril protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios