Suíza rastrexa un posíbel 'obsequio' de 100 millóns de dólares ao rei emérito español

A Fiscalía helvética investiga se Juan Carlos I cobrou comisións de 10.000 millóns de dólares.
O rei emérito Juan Carlos I de Borbón tería regalado á ex princesa Corinna zu Sayn-Wittgenstein 65 millóns de dólares.
photo_camera O rei emérito Juan Carlos I de Borbón tería regalado á ex princesa Corinna zu Sayn-Wittgenstein 65 millóns de dólares.

A Fiscalía suíza está a investigar unha suposta doazón de 100 millóns de dólares ao rei emérito español Juan Carlos I de Borbón efectuada pola contorna de Abdullah bin Adbul Aziz Al Saud, monarca saudita en 2008, ano en que se tería producido o depósito. 

Segundo sinala o xornal helvético Tribune de Genève nese ano ingresáronse os 100 millóns no banco privado suízo Mirabaud a nome da fundación Lucum, que tería como único beneficiario Juan Carlos I de Borbón.

O fiscal Yves Bertossa analiza se o "obsequio", termo co que na investigación se refiren ao depósito dos 100 millóns, tería relación co contrato a empresas españolas da construción do AVE á Meca e se o cobro constituiría, por tanto, unha posíbel comisión ao rei español pola súa suposta intermediación entre Arabia Saudita e as corporacións do Estado español que fixeron as liñas de conexión da cidade santa coa alta velocidade. Precisamente, o xornal helvético abriu onte, cuarta feira 4 de marzo, a súa edición en papel cunha foto do rei en portada e titulando a información: "Unha investigación desvela o diñeiro segredo do rei de España en Xenebra". 

O rei tería regalado 65 millóns a Corinna zu Sayn

As pesquisas xudiciais tamén rastrexan a retirada de cartos que desa conta tería realizado Juan Carlos de Borbón. Deses 100 millóns de dólares, o rei tería quitado 65 millóns para realizar un "regalo" á súa amiga persoal Corinna zu Sayn-Wittgenstein, a través doutra entidade bancaria suíza con sede na Mancomunidade das Bahamas.

O avogado de Corinna zu Sayn desvinculou a doazón de supostas comisións pola adxudicación das obras do AVE e asegurou ao rotativo español El País a semana pasada que no ano 2012 ela recibiu un regalo "non solicitado" de Juan Carlos de Borbón, "quen o describiu como unha forma de doazón para ela e para o seu fillo", polo cariño que lles tiña. O letrado explicou que o monarca "pasara varios anos de mala saúde" durante os cales Corinna "coidou del". 

O avogado incidiu ademais en desvincular a doazón do rei a Corinna das supostas comisións que o monarca cobrou pola adxudiciación das obras á unión temporal de empresas polos traballos do AVE. "A miña cliente non participou dos acordos que levaron á concesión desas obras a empresas españolas", sinalou. 

Outra das retiradas de diñeiro  que Juan Carlos tería realizado desa conta onde a contorna saudita lle ingresara 10 mil millóns tería sido para obsequiar cun millón unha cidadá suíza coa que supostamente mantivo unha relación. 

Os ingresos ás dúas mulleres por parte do rei emérito terían acontecido cando transcenderon publicamente as fotos do monarca en Botsuana, presumindo de matar elefantes e coincidindo no tempo cos momentos máis duros da crise económica no Estado español. Foi entón cando supostamente o banco lle tería recomendado retirar os fondos depositados, debido á depreciación da súa "reputación". 

Os audios de Villarejo desataron o inicio das investigacións

Foron os audios filtrados do ex comisario José Manuel Villarejo, actualmente en prisión provisional, os que propiciaron no Estado español o inicio das investigacións sobre as supostas contas do rei emérito.

Nun destes audios a ex princesa Corinna zu Sayn-Wittgenstein afirma ao empresario Juan Villalonga que Juan Carlos I de Borbón cobrara comisións pola negociación da adxudicacións das obras do AVE á Meca a empresas españolas. Nas gravacións Corinna tamén sinala que o rei utilizou esas comisións recibidas para ocultar parte do seu patrimonio no estranxerio.
 

Comentarios