Opinión

Suicidio

Cego e ebrio na súa exhibición de forza bruta, o Estado español estase suicidando. Encarcera e/ou empurra ao exilio a políticas e políticos soberanistas con resolucións xudiciais que non resisten a análise dunha estudante de primeiro curso de dereito. Alléase así o apoio de no mínimo 70 por cento das e dos cataláns. Perde a súa lexitimidade de exercicio. Colócase nun ponto de non retorno.

Cego e ebrio, o Estado dinamita todas as pontes e aparece como un Leviatán furioso, mais profundamente antipático. Mantén certa orde no que estritamente é España grazas ás súas poderosas terminais propagandísticas, mais esa fortaleza agacha debilidade, e máis cedo que tarde tamén na súa propia casa acabarán aparecendo voces discordantes, algo máis fortes que as que se están a pronunciar agora, opacadas ora por covardía ora por miserábeis cálculos eleitoralistas.

En que estado da UE ou do mundo desenvolvido un político pode presentarse a un debate de investidura e ao día seguinte acabar en prisión sen unha sentenza xudicial firme, en plena posesión dos seus dereitos cívicos? Si, xusto nese estado que, sen sabelo, se está suicidando.

Comentarios