FLORA MIRANDA, COORDENADORA DO A FONDO SOBRE O VIH

"As subvencións foron desaparecendo e con elas moitos comités anti Sida"

O vindeiro A Fondo -coordenado por Flora Miranda- achegaranos á actualidade da sida: dende o avance médico até o efecto dos recortes nas persoas infectadas e no movemento cidadán anti Sida.

Flora Miranda 400

-Cales son os obxectivos que te propuxeches para coordenar este A  Fondo?

 -Definímolos entre todas as persoas que participamos nel. Falar da evolución  no prognóstico, debater sobre a controvertida normalización da enfermidade, a súa evolución epidemiolóxica, coñecer relatos de persoas tanto afectadas como do movemento cidadán que viviron en primeira persoa a evolución da SIDA non só desde a perspectiva sanitaria senón tamén social (laboral, afectiva, relacional...). E non esquecer o enfoque con perspectiva de xénero,  valorando en que medida se produce o contaxio nas mulleres en relacións baseadas nunha educación e trato pouco igualitarios. Frustrounos un pouco o non poder abordar a fondo o acceso ao tratamento do virus da Hepatite C, que  frecuentemente coinfecta co VIH.

-Este A Fondo pretende abrir o debate ao redor da normalización da enfermidade. Está a situación normalizada?

-Posiblemente isto debera respostalo unha persoa afectada, alguén que viva en primeira persoa a enfermidade. Imaxino que opinaría que, aínda que a SIDA vai camiño de ser unha enfermidade crónica, non é o mesmo recibir un diagnóstico de SIDA que de diabete ou hipertensión, por exemplo. Nada que ver.

-En que se avanzou?

Creo que se avanzou na consideración de que a Sida pode afectarlle a calquera persoa con vida sexual activa que manteña relacións sen preservativo, pero queda moito camiño por andar. Tamén é certo que xa houbo máis concienciación coa necesidade de protexerse da que hai hoxe, especialmente no colectivo de homes que teñen relacións sexuais con homes, fonte maioritaria de novas transmisións.

"Está restrinxido o acceso ao tratamento da Hepatite C, que frecuentemente coinfecta co VIH e que neste momento está a limitar o prognóstico de moitas persoas"

-Como afectan os recortes na sanidade pública ás persoas que conviven co VIH?

-Os recortes na sanidade pública afectan de modo transversal a todas as persoas enfermas: en xeral contrátase menos persoal sanitario, restrínxense recursos, as profesionais traballamos máis sobrecargadas (habitualmente tentando manter o nivel de calidade con esforzos persoais)... No que respecta ás persoas afectadas polo VIH non creo que haxa recortes en tratamentos antirretrovíricos específicos da SIDA, pero o acceso ao tratamento da Hepatite C, que frecuentemente coinfecta co VIH e que neste momento está a limitar o prognóstico de moitas persoas, está restrinxido. Isto sería motivo de reflexión noutro A Fondo, sen dúbida.

-A situación non é igual en todas as partes do mundo e iso tamén ten que ver coa situación dos sistemas de saúde pública...

-Vaia por diante a importancia vital que todas as persoas que traballamos neste monográfico lle outorgamos á necesidade de manter un patrimonio irrenunciable: a Sanidade Pública Universal, sen esquecer que un 94% das persoas infectadas no planeta non teñen acceso ao tratamento antirretrovírico, maioritariamente mulleres.

"Un 94% das persoas infectadas no planeta non teñen acceso ao tratamento antirretrovírico, maioritariamente mulleres."

-Ao movemento cidadán e á súa evolución dáselle gran importancia neste A Fondo. Por que?

-O movemento cidadán exerceu desde os anos noventa un papel fundamental. Por unha banda, o traballo de rúa en prevención (intercambio de xiringas, formación en sexo seguro, traballo con xente nova e prevención de prácticas de risco, traballo con prostitutas para o fomento do uso de preservativo que a maioría das veces non podían utilizar pola negativa dos clientes nun claro exemplo de violencia machista...). Pola outra, a prestación de apoio entre/ás persoas afectadas. E finalmente e non menos importante un traballo de normalización, de visibilización, de falar de que a Sida é algo de toda a sociedade, de desestigmatizar.

-Como lle están a afectar os recortes ao movemento cidadán?

-O movemento cidadán fixo en parte un traballo que lle tería correspondido á Administración (para a que posiblemente lle faltaran máis recursos que os económicos) a través de subvencións. Estes cartos foron desaparecendo. E con eles, moitos comités anti Sida. Hai quen pensa que xa non está xustificada a súa existencia. Outras e outros pensan que a situación, lonxe de estar normalizada, precisa aínda moito traballo a pé de rúa.

-Outro dos piares deste A Fondo é a abordaxe de cuestións relacionadas coa prevalencia da enfermidade. Que aspectos se abordan ao respecto?

A transmisión entre usuarios de drogas intravenosas é agora moi minoritaria. A vía de transmisión máis frecuente actualmente é a sexual, e é maioritaria entre homes que teñen relacións sexuais con outros homes, sen desprezar a heterosexual.

"Cómpre reflexionar sobre a necesidade de establecer relacións sexuais máis igualitarias nas que as mulleres non renunciemos ao noso dereito á protección da saúde mediante o uso do preservativo"

-Houbo relaxación na concienciación ao redor da necesidade de medidas preventivas?

Hai dous aspectos interesantes no que respecta ao uso do preservativo, medida de prevención por excelencia: Por unha banda relaxouse a concienciación no colectivo gai (moito máis intensa na década previa), o que levou consigo tamén un repunte noutras infeccións de transmisión sexual. Por outra banda cómpre reflexionar sobre a necesidade de establecer relacións sexuais máis igualitarias nas que as mulleres non renunciemos ao noso dereito á protección da saúde mediante o uso do preservativo nin o releguemos a ningún outro (expresamente ao de priorizar a compracenza do outro antes que a propia).

-O perfil das persoas afectadas por VIH mudou, mais en que medida están presentes os prexuízos?

-A consideración inicial da Sida foi a dunha enfermidade ligada a ‘conductas indecentes’. A visibilización da homosexualidade, o feito de que personaxes públicas se comprometesen no pasado coas campañas de ‘normalización’, os lazos vermellos no Día Mundial (ese que tanta urticaria producía no movemento cidadán, máis partidario do traballo diario), foron elementos que posiblemente contribuíron, descoñezo se superficialmente ou en profundidade. De aí a pensar que os prexuízos están superados en toda a sociedade igual hai un treito...

-Podemos falar dunha década de éxitos nos avances científicos mais de fracados, ou unha evolución non parella, en cuestións relacionadas coa aceptación social?

-Hai quen mantén que efectivamente o avance provén do feito de que a Sida ten tratamento razoabelmente efectivo. Esa é a ‘normalización’ fundamental, mediante a vía da menor exposición (a un deterioro físico palpable, á morte prematura...). Creo efectivamente que a aceptación social mellorou en base aos elementos que antes expuxen (visibilidade, personaxes públicas, campañas, traballo do movemento cidadán...). Teño dúbidas ao respecto do calado desta normalización.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios