CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Star Trek: Máis Aló

startrek2
photo_camera Un fotograma do filme

STAR TREK: MÁIS ALÓ

Star Trek Beyond

(EUA 2016, 122 min.)

Dirección: Justin Lin

Guión: Simon Pegg, Doug Jung, Patrick McKay, John D. Payne

Fotografía: Stephen F. Windon

Música: Michael Giacchino

Elenco: Chris Pine, Zachary Quinto, Idris Elba, Sofia Boutella, Zöe Saldana, Simon Pegg, Karl Urban, Anton Yelchin, John Cho, Joe Taslim

SINOPSE

Dous anos despois de acabar con Khan, o capitán Kirk surca o espazo no Enterprise con todo o seu equipo habitual. Tras estacionar nunha base espacial reciben a primeira misión de acudir a unha estraña chamada de socorro que provén dunha nebulosa. Mais aló espéralles Krall, un alieníxena mutante con sede de vinganza.

CRÍTICA

Terceira entrega desta saga-reboot de Star Trek perpetrada por J.J. Abrams mais xa sen J.J. Abrams, que segue na produción, mais abandona a dirección por problemas de axenda, ou mellor dito por estar envorcado en Star Wars, en favor do taiwanés Justin Lin (Fast & Furious 3, 4, 5 e 6), o que quere dicir que, cando menos, deixaremos de sufrir a continua e monótona sucesión de luceciñas azuis, reflexos artificiais que non se saben de onde saen e demais trucos videoclipeiros sen sentido. Si, semella que tras Star Wars VII: O espertar da Forza Abrams deixara esta manía e apuntaba signos de recuperación da “súa obsesión” [sic] mais, inda que fora así, é de agradecer o cambio de rumbo. Non só unha dirección diferente dálle novos azos a un estilo xa esgotado de por si, a achega no guión do humorista británico Simon ‘Scotty’ Pegg (Zombies Party, Arma fatal) aporta o necesario sopro de aire fresco que precisaba. Desde a primeira secuencia aprezamos un novo enfoque á par dun ton moi diferente as dúas entregas previas. Hai unha indubidábel intención de que as personaxes conten con algo máis de profundidade, así como concretar lazos máis definidos entre os diferentes caracteres. Chris Pine/Kirk é agora un tipo atormentado (máis ao estilo de Picard que do Kirk orixinal), Zachary Quinto/Spock é máis “lóxico”, máis “Spock” que antes (malia que aínda non atine co levantamento de cella), Karl Urban/Bones destápase coma unha personaxe imprescindíbel que acapara a meirande parte das situacións cómicas, Zöe Saldana/Uhura leva o peso dunha sutil mensaxe anti-machista, John Cho/Sulu aporta a mensaxe normalizadora (bravo) e ademais supón a derradeira vez que podemos ver a Anton Yelchin (1989-2016) interpretando Chekov, ao que está dedicado o filme xunto ao irrepetíbel Leonard Nimoy.

Star Trek: máis aló entretén e ten intres que ata ilusiona, mais, en conxunto, é irregular

O malo da función é un tal Krall, interpretado por Idris Elba (Mandela, Prometheus), un alieníxena de pasado escuro e cunha insaciábel sede de vinganza contra a Federación, comezando polo capitán Kirk e os seus acólitos. Aparece tamén en escena unha arrichada alieníxena (fan dos Kiss), interpretada pola alxerina Sofia Boutella, que axudará a tripulación do Enterprise para que os plans de Krall non cheguen a bo porto. Hai un claro intento por retomar o espírito da serie orixinal aproveitando que o 8 de setembro se fixeron xa 50 anos da estrea do primeiro capítulo emitido en televisión. Tamén tira de maneira descarada de nostalxia con música “clásica” e autoreferencias a moreas, para goce dos trekkies máis avezados. Interconecta o universo Star Trek ao tempo que remexe un cóctel con base de A nova xeración, catro culleradas de Star Wars, 1/5 de Horizonte Final, 2/5 de Gardiáns da Galaxia, un par de gotas de Alien e un chorriño de whisky... o whisky que se debeu tomar o tal Justin Lin antes de planificar as escenas de acción gravitacional ao “estilo Nolan” ...ou máis ben intentando que lembraran algo a Nolan, que non... Mareante a máis non poder. Star Trek: máis aló entretén e ten intres que ata ilusiona, mais, en conxunto, é irregular. Momentos de grande altura xunto a outros que rozan o tedio máis absoluto. Probablemente non guste nadiña a quen gozara coas dúas primeiras de Abrams, mais recupera algo de simpatía da facción trekkie máis belixerante.

Comentarios