Crítica de cinema das sextas feiras

Un spin off galáctico que non entusiasma

hansolo1
photo_camera Un fotograma do filme

HAN SOLO: UNHA HISTORIA DE STAR WARS

Solo: A Star Wars Story

(EUA 2018, 135 min.)

Dirección: Ron Howard

Guión: Lawrence Kasdan e Jonathan Kasdan

Fotografía: Bradford Young

Música: John Powell

Elenco: Alden Ehrenreich, Emilia Clarke, Woody Harrelson, Thandie Newton, Donald Glover, Paul Bettany, Joonas Suotamo, Phoebe Waller-Bridge, Eryn Kellyman, Jon Favreau, Linda Hunt, Warwick Davis, Anthony Daniels

 

SINOPSE

Anos antes de unirse á Rebelión, Han Solo coñece o seu futuro copiloto Chewbacca e a Lando Calrissian, propietario do Falcón Milenario.

 

CRÍTICA

Phil Lord e Chris Miller (Choiva de albóndegas, A LEGO película) foron os encargados iniciais de dirixir este spin-off na segunda entrega da sub-saga Unha historia de Star Wars. Seica din as malas linguas que debido a escasa experiencia que tiñan neste tipo de súper producións era o axudante de dirección quen dirixía a maioría das tomas. Cando isto chegou a ouvidos dos produtores foron despedidos ipso facto.

 

Chegou entón o experimentado Ron Howard (Willow, Unha mente marabillosa) para apagar o lume. Decidiu refacer practicamente todo o filmado pero claro, todo isto xa chegara a ouvidos dos medios e, por ende, tamén aos de milleiros de seareiros e seareiras. A preocupación foi máxima. Após da decepción de Rogue One (2016, Gareth Edwards) había postas moitas esperanzas en que con Han Solo isto non pasara, pero as novas facían presaxiar que todo iría moito peor... Pero calquera fan de Star Wars sabe no seu interior que, por moito medo que haxa á decepción, a curiosidade sempre é maior. Así que acabei mercando a entrada...

 

Para dar vida a Han Solo de mozo, contrataron un actor con bastante parecido con Harrison Ford (o Solo orixinal). O elixido foi o californiano Alden Ehrenreich que antes de cumprir os trinta xa pode presumir de traballar con cineastas da talla de Francis Ford Coppola (en Tetro), Sofia Coppola (en Somewhere), Woody Allen (en Blue Jasmine), Park Chan-wook (en Stoker) ou os irmáns Coen (en Ave César!). Certamente acada non ser unha imitación de Ford e logra imprimirlle un punto de carácter diferente moi de agradecer.

 

Para facer de Chewacca contaron con Joonas Suotamo que, para desesperación dos máis puristas, xa leva substituíndo Peter Mayhew (o Chewacca orixinal) desde Star Wars VIII: os últimos Jedi (2018, Rian Johnson)... O resto do elenco está formado por caras bastante coñecidas como a de Emilia Clarke (Xogo de tronos), Thandie Newton (Westworld), Paul Bettany (Master and Commander), Woody Harrelson (Tres anuncios nos arrabaldes) ou Donald Glover que se pon na pel de Lando Calrissian, propietario do Falcón Milenario.

 

Si, desvelarase un dos segredos máis enraizados en Star Wars: como é que Han Solo conseguiu para si o Falcón... Pero antes, como é natural, saberemos como é que coñeceu a Chewacca e por que se fixeron tan inseparábeis. Entremedias presenciaremos unha montaña rusa de acción e aventuras cheas de efectos especiais protagonizadas por un mozo idealista que aínda non sabe que acabará convertido nun dos heroes canallas máis queridos da saga Star Wars.

 

Howard consegue imprimirlle unha boa dose de adrenalina regalando un par de secuencias de morderse as unllas polas que xa paga a pena o filme. Cara o final vai perdendo fol pero acaba sendo bastante mellor que Rogue One, o cal é case unha milagre tras todos os atrancos que tivo que superar para que chegara a porto. Mais... agora que o penso... Star Wars é da Disney, así que os atrancos debéronse superar cuns cantos ceros á dereita así que non che me dan peniña ningunha...

 

Conclusión: o spin-off de Han Solo non decepciona, pero tampouco entusiasma... nin sequera a incondicionais da saga. Supoño que, visto o visto, todo o que desde agora leve o subtítulo de Unha historia de Star Wars haberá que collelo con pinzas...

Comentarios