CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Infiltrarse nas raíces do trumpismo

infiltrado2
photo_camera Un fotograma do filme

INFILTRADO NO KKKLAN

BlacKkKlansman

(EUA 2018, 135 min.)

Dirección: Spike Lee

Guión: Spike Lee, David Rabinowitz, Charlie Wachtel e Kevin Willmott

Fotografía: Chayse Irvin

Música: Terence Blanchard

Elenco: John David Washington, Adam Driver, Laura Harrier, Jasper Pääkkönen, Robert John Burke, Michael Buscemi, Paul Walter Hauser, Corey Hawkins, Topher Grace, Ashlie Atkinson, Frederick Weller, Nicholas Turturro, Isiah Witclock Jr., Harry Belafonte

 

SINOPSE

Ron Stallworth é o primeiro policía negro de Colorado Springs. Lonxe de se amedrentar pola hostilidade dos seus novos compañeiros, decide dar un paso á fronte e ofrecerse voluntario como axente infiltrado. Incriblemente consegue entrar no Ku Klux Klan.

 

CRÍTICA

 

Spike Lee foi, de sempre, un cineasta moi comprometido coa defensa dos dereitos civís do seu pais, os EUA, do que afirma rotundamente que “conta cunha historia baseada nunha mentira”. Nos últimos tempos, grazas ao seu presidente, Donald Trump, semella que esa mentira tende a se perpetuar a base de fake news. Non é que as fake news as inventara Trump, mais si que as popularizou ata termos insospeitados pola súa utilización indiscriminada de chíos incontrolados. Pero non só iso, o seu discurso de América First callou fondo nunha América profunda, racista, antisemita e negacionista do holocausto.

 

Infiltrado no KKKlan non está baseado nunha mentira, aínda que o pareza, senón na verídica historia de Ron Stallworth, o primeiro policía negro de Colorado Springs. A pouco de chegar logra infíltrase como axente encuberto nos Panteras Negras para, pouco despois, conseguir entrar no Ku Klux Klan... iso si, en modo Cyrano de Bergerac. Detrás do que parece un argumento de Jonah Hill (Infiltrados en clase) ou dos irmáns Wayans (Dúas louras de pelo en peito) agóchase unha das achegas máis reivindicativas e belixerantes de Spike Lee. Unha comedia moi seria que propina unha sonora patada no cu a Trump —e, por extensión aos Salvini, Le Pen, Casado ou Bolsonaro do globo— coa que Lee pretende aportar un pouco de luz ao camiño.

 

E é que Spike Lee non dá puntada sen fío. Comeza cunha secuencia de Foise co vento, para a continuación sacar Alec Baldwin que, tras unha bandeira confederada primeiro e logo diante dunha proxección de O nacemento dunha nación de D.W. Griffith, fai un enervado discurso supremacista. Resulta que Baldwin é un magnífico imitador de Donald Trump, cousa que deixou patente no programa Saturday Night Live en varias ocasións. Foise co vento foi o primeiro filme que deu un Oscar a unha muller negra (Hattie McDaniel) nun rol que non deixaba de ser unha caricatura racista dos negros; e para rematar, O nacemento dunha nación é unha exaltación do Ku Klux Klan e un dos filmes máis abertamente racistas da historia do cinema. Un claro exemplo do que Lee quere denunciar. A partir de aquí as pullas e indirectas a Trump son constantes, conectando claramente o Ku Klux Klan con frases e ideario repetido decenas de veces en boca do multimillonario presidente de face laranxa.

 

Infiltrado no KKKlan non está baseado nunha mentira, aínda que o pareza, senón na verídica historia de Ron Stallworth, o primeiro policía negro de Colorado Springs

 

John David Washington, fillo de Denzel Washington, interpreta Ron Stallworth coa mesma solvencia coa que o faría seu pai, mais levan a palma os secundarios, comezando con Adam Driver (Paterson), no rol do compañeiro de Ron que debe dar a cara fronte ao KKK; e continuando pola recua de personaxiños que forman parte do propio KKK. Destacan Paul Walter Hauser (Eu, Tonya) en modo roubaescenas pero correndo o risco de limitar o seu rexistro de actor ao de bobo de remate; Topher Grace (Aqueles marabillosos 70) interpretando David Duke, líder do Ku Klux Klan na época; e, sobre todo, o de Ashlie Atkinson, nun rol de ama de casa agarimosa ben capaz de facer un delicioso pastel de mazá pola maña e soñar esperta con matar negros pola noite. Unha personaxe clave coa que Spike Lee quere amosar que os fascistas non teñen por que ser uns carecos descerebrados tatuados con esvásticas, senón xente aparentemente respectábel e “normal”.

 

Á marxe do aval que supón gañar o Gran Premio do Xurado en Cannes —con sonora ovación incluída— ou o Premio do Público en Locarno, Infiltrado no KKKlan ten moito de denuncia social ao máis puro estilo Spike Lee. pero tamén conta cunhas notas de humor que ben poderían estar firmadas polos irmáns Coen. Sen dúbida o seu mellor filme desde Plan oculto (2006) filme do que, por certo, “colle” parte da banda sonora (tamén composta por Terence Blanchard) e “auto-plaxia” algún que outro plano secuencia.

 

Comedia, drama, intriga, buddy movie e filme denuncia. Unha mestura intelixente e bastante xenuína que conta cun epílogo explicativo, previo aos títulos de crédito, no que, aparte de servir de emotiva dedicatoria final, trata de explicar unhas cantas cousas do pasado recente dos EUA nun intento descarado de que calle no persoal o berro de “todo o poder para o pobo!”.

 

Comentarios