Opinión

SOS Televisión de Galiza

Dende o retorno do Partido Popular á Xunta de Galiza en outubro do ano 2009, a subvención pública á CRTVG reduciuse en 34,2 millóns de euros, un 27,5 por cento en termos nominais (tendo en conta o incremento do IPC, a redución real sitúase no 38 por cento).

Dende o retorno do Partido Popular á Xunta de Galiza en outubro do ano 2009, a subvención pública á CRTVG reduciuse en 34,2 millóns de euros, un 27,5 por cento en termos nominais (tendo en conta o incremento do IPC, a redución real sitúase no 38 por cento).

"A dependencia gobernamental dá lugar a prácticas sistemáticas de manipulación informativa e ocultación de voces discrepantes, con violación da veracidade e  o pluralismo". 

Este duro recorte, que ten a crise económica como coartada, está a ter consecuencias moi negativas para o emprego e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras da Televisión de Galiza, o que de vez incide negativamente na programación: suprímense espazos informativos baseados nos xéneros de longa duración e de investigación, non se cobren informacións por falta de persoal, sacrifícase a información de proximidade, deixan de retransmitirse acontecementos significativos da nosa realidade deportiva... En definitiva, empeórase a calidade do servizo público de radiotelevisión.

Un servizo público xa de seu moi deterioro e sen crédito social por mor da desviación histórica do modelo de radiotelevisión pública a respeito das misións que estaba chamada a desenvolver. Por unha banda, pola dependencia gobernamental, que dá lugar á prácticas sistemáticas de manipulación informativa e ocultación de voces discrepantes, con violación da veracidade e  o pluralismo. 

Por outra banda, pola competencia comercial coas canles privadas, que leva á espectacularidade, o sensacionalismo e a banalización; á perda de profundidade e contextualización, e á reiteración e estandarización dos contidos informativos.

No resto da programación renúnciase a facer un esforzo na procura da variedade, a innovación e a calidade. A infancia e a mocidade ven reducida a atención que se lles presta dende os medios audiovisuais públicos, que renuncian a función educativa e socializadora que deberían desempeñar. O mesmo acontece cos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade.

Porén, no ámbito do comercial, que prima a rendibilidade económica e a captación de grandes audiencias por riba de calquera outra consideración de carácter ético-político ou social, os medios audiovisuais públicos de Galiza moi dificilmente poden competir cos grandes grupos mediáticos con sede en Madrid.
 “A TVG ten audiencia e está saneada, non hai preocupación”, declaraba Núñez Feijóo após o feche da televisión autonómica valenciana, dando por sentado a dependencia da continuidade do servizo público de radiotelevisión da cota de pantalla. Dende esta perspectiva, os datos de audiencia dos últimos meses son preocupantes: en abril e maio rexistráronse os peores resultados de audiencia na historia da Televisión de Galiza, tanto en números absolutos, como en posición relativa a respeito das outras canles.

En continua caída dende hai meses, a Televisión de Galiza fica relegada á cuarta posición nas preferencias dos galegos e galegas (por detrás de Tele 5, Antena 3 e TVE 1) e á quinta posición entre as televisións autonómicas máis vistas, cedendo nestes dous indicadores o segundo posto que ocupou durante moito tempo. E o que é máis preocupante aínda, non deixa de medrar o número de galegos e galegas que non ven nunca a TVG.

"Os datos de audiencia dos últimos meses son preocupantes: en abril e maio rexistráronse os peores resultados de audiencia na historia da Televisión de Galiza"

Ao cabo, da própria xestión dos responsábeis dos medios públicos depende o cumprimento dos presupostos que eles mesmos deitan para o eventual desmantelamento da radiotelevisión galega e a consecuente invisibilización política, social, cultural e lingüística de Galiza.

Ante esta grave situación, urxe a conformación dunha vontade política que garanta:

1º) A “desgobernamentalización” do medios públicos e a articulación de mecanismos efectivos de control e participación cidadá na toma de decisións (coa creación, entre outros, dun Consello Asesor operativo no que estea representada a sociedade civil a través das súas organizacións representativas).

2º) O acrecentamento daqueles aspectos específicos que diferencian as canles públicas das privadas e que lle outorgan o seu verdadeiro valor engadido: esforzo na procura da variedade, a inovación e a calidade nos contidos; respecto escrupuloso á  veracidade e o pluralismo informativo; dereito de acceso dos grupos sociais e políticos significativos; recuperación dos debates plurais, na primeira canle e en horarios non marxinais, e dos espazos de contextualización e aprofudamento, complementarios daqueles outros que se moven no marco da actualidade máis estreita; aposta decidida pola información de proximidade; atención especial á infancia e á mocidade, así como aos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade .

Aliás, a radiotelevisión pública de Galiza, para alén de ser un medio de comunicación en lingua galega, debe conformar un espazo de comunicación audiovisual autenticamente galego, que reflicta acaidamente as expresións da nosa realidade política, social, cultural e lingüística; un espazo no que poidamos recoñecérmonos a nós próprios como galegos e galegas, como suxeitos da construción da nosa identidade nacional, e non como simples parte dunha realidade territorial subordinada a unha unidade superior chamada España.

"Para alén de ser un medio de comunicación en lingua galega, debe conformar un espazo de comunicación audiovisual autenticamente galego, que reflicta acaidamente as expresións da nosa realidade política, social, cultural e lingüística"

3º) Un financiamento estábel e suficiente, apoiado de xeito prioritario nos ingresos públicos,  que non precisen xustificarse coa captación de elevadas cotas de audiencia. 

4º) A elaboración de índices próprios de rendibilidade social que permitan recuperar a capacidade de reorientación estratéxica, no só cara a amplos sectores da audiencia, senón tamén cara ás categorías concretas nas que se inscribe e cara as minoría sociais que os medios audiovisuais públicos teñen o deber de atender. Entre estes indicadores cabe citar os que miden o número de espectadores que conectan diariamente coa televisión pública e que dan conta do recoñecemento da cadea.

Da consecución destes obxectivos dependerá no futuro o prestixio e a xustificación social da existencia dos medios audiovisuais públicos galegos. Mais para construírmos a vontade política necesaria que permita acadalos é imprescindíbel a implicación da cidadanía e das organizacións comprometidas coa defensa dos dereitos políticos, sociais, culturais e lingüísticos do pobo galego. Galiza, como realidade nacional con dereito a ter unha existencia diferenciada, precísaos.

Comentarios