Colectivos da memoria histórica, "indignados" e "sorprendidos" por unha entrevista na TVG ao presidente da Fundación Franco

Juan Chicharro Ortega, presidente da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF), foi entrevistado no programa ‘Bos días’ a finais de agosto pasado.

fundacion francisco franco
photo_camera Juan Chicharro na TVG

Catro entidades que traballan no campo da memoria histórica (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Memoria do 36 de Vigo e A Oliveira de Teo) veñen de remitir á CRTVG un escrito no que trasladan a súa “sorpresa” e “indgignación” pola entrevista no medio público galego a Juan Chicharro Ortega, presidente da Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF).

As asociacións expresáronlle tamén á CRTVG a súa petición de que, no mínimo, e na defensa da pluralidade informativa, “teña a ben entrevistar o mesmo tempo que lle dedicou ao presidente da FNFF, en concreto 13 minutos e 13 segundos, para así ter a oportunidade de rebater os argumentos e sinrazóns deste persoeiro procedente da caverna franquista”.

Lamentan estes colectivos que se dea protagonismo nun medio público a “este personaxe nada representativo dos valores democráticos e de tolerancia que debe ter calquer persoa cuxa voz apareza en medios públicos de comunicación”.

A entrevista emitiuse a finais do pasado mes de agosto mis é agora cando estes catro colectivos e asociacións informan que dirixiron o escrito á dirección da CRTVG.

Comentarios