Opinión

A sororidade e as peores cegas

Un refrán vello di que non hai peor cega que a que non quere ver e, ás veces, ao poñer o foco no comportamento dalgunhas mulleres temos a triste sensación de que é certo. Nós, as feministas, discutímolo todo. Somos discutidoras. Ao sistema, madIa leva, e a nós mesmas. Porque levamos séculos caladas, porque queremos comprendelo todo, porque pór a vida en cuestión nos garante a pertenza a un movemento vivo, asembleario, transversal, e global: sen dogmas. Non temos dogmas, mais temos uns principios que son a base na que se asentan as prácticas, a que une os tecidos diversos. Un deses principios é o da sororidade. A sororidade (do latín soror: irmá) filla da vaga feminista dos 70 nos EE UU. A escritora e activista estadounidense Kate Millet acuñou o termo sisterhood (irmandade de mulleres) para promover o feminismo sen distinción de clases nin etnias, para falarmos das armas coas que contabamos nesta loita imparábel. Máis tarde as feministas francesas adaptaron o termo convertido en sororité. De alí a palabra italiana sororitá, que se transforma en galego en sororidade e en castelán en sororidad. Tomei o traballo de buscala en distintos dicionarios, e non houbo sorte agás nos saxóns, onde, of course, existía sisterhood. Entre nós, o feminismo latino, foi Marcela Lagarde quen promoveu a palabra e teorizou, como tantas outras, sobre a importancia da súa absoluta práctica.


O curioso é que a palabra sororidade, que algunhas temos incrustada no ADN despois de catro décadas de repetila e tentar poñela en acción en todas as súas formas, malia acumular milleiros de entradas nos buscadores, non foi aceptada polas academias da lingua. Non é de estrañar logo do fado do termo feminicidio (femicidio en Latinoamérica), que entrou nas academias con sangue, con tanto sangue de mulleres. Porén, con ou sen anuencia dos gardiáns das linguas todas, para nosoutras sororidade é a palabra máxica que abre portas e ventás, que lle bota insecticida ao patriarcado resistente entre os nosos pensamentos, que nos fai entender a importancia do amor e a solidariedade entre mulleres nun mundo que, se non nos odia, o disimula mal.

A palabra sororidade non foi aceptada polas academias da lingua

 

A sororidade, que as devanceiras practicaron sen saber que o facían e sen palabra que nomeara esa tenrura nosa, é política. É unha ferramenta non para excluír os homes, senón para xuntar as mulleres. Para entendermos que malia todas as diversidades comprendidas nos moitos feminismos, fillos do seu tempo, hai un paraugas xigante que nos abeira. Gústame citar este pequeno enorme poema de Alejandra Pizarnik, para min unha das máis fermosas definicións da sororidade: Son muller. E unha entrañábel calor acubíllame cando o mundo me golpea. É a calor das outras mulleres, daquelas que non coñecín, mais que forxaron un chan común, daquelas que amei aínda que non me amaron, daquelas que fixeron da vida este recanto sensíbel, loitador, de pel suave e tenro corazón guerreiro.


Que sería de nós sen a sororidade? Que sería das mulleres nos represivos patriarcados sen as redes tecidas por nós mesmas? Sen sabermos preto, ao carón unhas das outras, ás veces adiante unhas sinalando o camiño, ás veces outras nestas fileiras de formigas avanzando con tanta dificultade? Que sería da nosa vida sen as nosas amigas, as nosas confidentes, os nosos panos de bágoas, as que comprenden porque viviron cousas semellantes, as que alumean coa súa experiencia? Que sería das mulleres sen o amor das outras mulleres? Na Illa das esculturas, unha das marabillas desa Pontevedra marabillosa, hai un banco de pedra da artista estadounidense Jenny Holser, a grande escribidora, cunha inscrición que pon algo así: Quen non sexa do teu sexo non pode comprenderte.

Que sería das mulleres nos represivos patriarcados sen as redes tecidas por nós mesmas?


E con todo este rebumbio de palabras e actos, mulleres mobilizadas no mundo enteiro, pregúntome como unha muller pode confundir sororidade con sonoridade. Unha muller que ignora que está onde está porque outras traballaron arreo a vida enteira. As que non queren ver, poñen tanta teima que ven menos que as cegas.

Comentarios