Cultura

Son Trío canta os poemas de Rosalía “como se fosen escritos hoxe”

A Casa-Museo de Rosalía acolleu este sábado a presentación de Miña Almiña, álbum no que Son Trío musica poemas de Follas Novas.

Son Trío nunha foto promocional
photo_camera Son Trío nunha foto promocional

A Casa-Museo de Rosalía acolleu este sábado a presentación do novo disco de Son Trío. Titulado Miña almiña, o álbum recolle unha serie de poemas musicados da poeta de Padrón, do libro Follas novas. Uns versos que canta desde o agarimo e a experiencia propia, facendo soar as palabras do século XIX “como se fosen escritas hoxe”.

Son Trío está formado por Katerina Linke (piano, composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Branco (violoncello). Con influencias que ondean entre a música clásica, o jazz, o folk, ou a canción de autor, as tres compoñen unha música íntima e contemporánea, cun estilo moi persoal ateigado de matices.

O seu repertorio complétase con versións propias de cancións populares galegas e versos doutros poetas do país. Ademais, Miña almiña estivo entre os semifinalistas dos Premios da Música Independente (MIN) na categoría de Mellor Álbum en Galego, aínda que ficou fóra dos cinco escollidos para a fase final.

O disco, producido por Gonso Pedrido, conta cunha tirada limitada caracterizada por un coidado deseño que asina a ilustradora viguesa Laura Cochón.

Comentarios