"Son todo de esquerdas, de pés e de cabeza": Maradona e a zurda política

Morreu un 25 de novembro, na mesma data que o seu amigo e admirado Fidel Castro. Tamén admirou e apoiou a Hugo Chávez, Lula, Evo Morales, Rafael Correa, Mujica, Nicolás Maduro, Os Kirchner... “Que la chupen los gorilas” (cualificativo despectivo para os dereitistas)”, afirmou unha vez, dando pé a un canto do peronismo de esquerdas. 

fIDEL MARADONA
photo_camera Fidel Castro e Diego Maradona (Foto: gramma)

Pode que haxa quen discuta se sobre o céspede Maradona foi o mellor furtbolista da historia mais fóra do campo, Ningún outro tivo a repercusión, nin o cariño, que ten el. Poucos futbolistas se posicionaron tan claramente polas correntes de esquerda en América Latina.

Naceu en Villa Fiorito, a 40 Km do centro de Bos Aires, nun barrio onde a miseria reinaba en cada recuncho. Criouse alí, cos seus pais e sete irmáns, coñecendo a pobreza e as dificultades. “En  Fiorito se se podía comer comíase, se non, non”, dixo unha vez. Por iso, anos despois, tras a súa primeira estancia en Cuba, para recoller un premio, deixou unha frase que o dixo todo: “Acá non hai nenos descalzos”.

Antes, e após gañar o Mundial de 1986 en México, Diego xa expuxera nunha entrevista en ‘Play Boy’ de que banda caía: "Son de esquerda, todo de esquerda, de pés, de fe, de cabeza”. Mais aclaraba:“Pero non no sentido que vostedes lle dan en Europa ao termo político. Son de esquerda no sentido de que son para [Raúl] Alfonsín [presidente arxentino, da Unión Cívica Radical, e de orixe galega], para o progreso do meu país, para mellorar o tenor da vida da xente pobre, para que todos teñamos paz e liberdade".

Non estaba entón, polo que se ve, atraído polo ‘peronismo’. Mudou e convertiuseanos despois un puntal de apoio para os Kirchner. Mesmo, sentou á beira de Cristina Fernández o día no que ela despedía ao seu esposo Néstor Kirchner, nas súas honras fúnebres do 28 de outubro de 2010.

“Que la chupen los gorilas” (cualificativo despectivoen orixe dirixido a antiperonistas e que se estendeu como sinónimo de dereitista), disque dixo unha vez. E de aí naceu un canto do peronismo de esquerdas: “Como dijo Maradona, que la chupen los gorilas”.

“Son ‘Fidelista’ até a morte”

A vitoria no mundial de 1986 tamén o levou a coñecer Fidel Castro. A axencia cubana Prensa Latina fixo unha enquisa entre os seus lectores para elixir quen era o mellor deportista latinoamericano dese ano e o gañador foi o arxentino.  Maradona viaxou por primeira vez na súa vida á illa coa intención de recoller o premio e alí reuniuse con Castro o 28 de xullo de 1987.

O líder cubano regaloulle unha das súas gorras simbólicas, cor verde oliva, cunha dedicatoria da súa propia man. A cambio, Maradona regaloulle unha camiseta co número 10, tamén dedicada.

"É sabio e modesto. Os cubanos teñen un home á fronte que é un fenómeno e cando lle vin pareceume tocar o ceo coas mans. Neste país non hai mozos descalzos", escribiu o futbolista despois dese primeiro encontro co líder revolucionario.

Maradona viaxou máis de cinco veces a Cuba, especialmente desde que se retirou do fútbol en 1997. Tatuou o seu amor pola revolución con sendas tatuaxes de Fidel e o Ché. Castro foi quen persuadiu o arxentino en dúas ocasións para que se internase en clínicas da Habana para tratar a súa adicción ás drogas.  Maradona aceptou. "Non son comunista, pero son ‘ Fidelista’ até a morte", díxolle o futbolista ao entón correspondente da axencia de noticias Reuters en Cuba, Andrew  Cawthorne, no mesmo ano no que se internou pro primeira vez, en 2000

"Nun momento gris da miña vida, Fidel abriume as portas de Cuba. El era quen me aconsellaba sobre o que podía facer". O arxentino mesmo dixo que Castro era o seu "segundo pai" e, para el, era ademais "o líder do equipo mundial dos políticos".

Esquerdas

Maradona reuníndose ao longo destes anos cos líderes de esquerda de diferentes países. En Venezuela Hugo Chávez e posteriormente Nicolás Maduro recibíano con honras. No medio do cerco mediático, político e económico contra Venezuela, o 10 arxentino viaxou a Caracas a apoiar a Maduro.

"O que me deixou Hugo foi unha gran amizade, unha sabedoría política incríbel. Hugo Chávez cambiou a forma de pensar do latinoamericano, nós estabamos entregados a Estados Unidos e el meteunos na cabeza que podiamos camiñar sós", dixo na canle Telesur e logo instou os venezolanos a votar por Nicolás Maduro.

Criticou con dureza presidentes de EUA como George Bush, ao que chamou “asasino”, e tamén situou no albo das críticas a igrexa católica: “Entrei e vin o teito de ouro. E díxenme como pode ser tan fillo de  pu… de vivir cun teito de ouro e despois ir aos países pobres e bicar os mozos co bandullo así. Deixei de crer, porque o estaba vendo eu”, contou sobre a súa visita ao Vaticano de Xoán Pablo II na súa autobiografía chamada 'Eu son o Diego'. Mais cando o arxentino Francisco tomou a mitra papal, apoiouno.

Maradona apoiou a loita das ‘Nais da Praza de Maio’; apoiou publicamente a loita do pobo palestino (“Son o seareiro número un de Palestina', Viva Palestina!”) e en Bolivia foi condecorado polo seu apoio aos Movementos Sociais.

Maltratador

Maradona foi un maltratador, denunciado en varias ocasións. "Non son un maltratador pero á miña noiva era para arrincarlle a cabeza", dixo o futbolista sobre a súa ex compañeira Rocío Oliva e tras trascender unhas imaxes nas que se lle vía baténdolle. No ano 2014 transcendeu un vídeo onde se lle pode ver discutindo de maneira moi violenta coa súa  ex parella Rocío Oliva, quen moitas veces denunciou a violencia que exercía sobre ela.

A seu  ex esposa e nai de dúas das súas fillas, Claudia  Villafañe, mencionou a violencia psicolóxica que exercía  Maradona durante o seu matrimonio cando xustificaba todas as súas actitudes e os actos de infidelidade e afirmou que as recentes denuncias que o  ex futbolista fixo na súa contra débense a unha persecución que iniciou tras ver fotos da parella de  Villafañe canda o seu neto.

"Nun país [Arxentina] que está a marcar un exemplo en canto á loita feminista, deberiamos empezar a reformularnos quen son os ídolos que nos representan como sociedade", sinalan desde o feminismo arxentino, onde nestas últimas horas houbo un debate nas redes sociais sobre o futbolista falecido. Unha parte do feminismo pide respecto para aquelas que, séndoo, tamén se sinten maradonianas

Comentarios