"Somos a xeración á que lle toca mover ficha"

Conversamos co grupo gañador do Concurso de bandas emerxentes do Festival Revenidas. 

Ezetaerre
photo_camera De esquerda a dereita: Miguel (Garchu), Juan (Pirola) e Pedro (Petrowski) [Imaxe cedida]

Juan Pirola é basco-arxentino e galego para alén dunha das persoas integrantes de Ezetaerre, a banda gañadora do concurso de novos talentos do Festival Revenidas (19, 20 e 21 de agosto en Vilaxoán). Levan apenas un ano traballando como grupo e recentemente lanzaron o video-clip de A herdanza do vento, un dos temas que compoñen a súa maqueta. 

En 24 horas superaron o milleiro de visitas. Conversamos con el arredor do proxecto. 

Quen é Ezetaerre?
Pedro (Petrowski), Miguel (Garchu) e máis eu, Pirola, coñecémonos desde que comezamos a carreira. Estudamos os tres Comunicación Audiovisual, estamos rematando o Traballo Fin de Grao (TFG), un documentario sobre a memoria histórica no que andamos tamén os tres. Coñecímonos na facultade e como nexo común entre nós atopamos as inquedanzas políticas. Tomamos parte do movemento estudantil e aí estabeleceuse unha fonda amizade. Eu e Pedro vivimos xuntos e de aí vén o nome do grupo. Houbo quen lle chamou ao piso 'el zulo rojo' e de aí Ezetaerre. 

Como xorde o grupo?
Hai cousa dun ano falábase de problemas económicos na Universidade da Coruña e tamén de fusións de facultades. Unha delas a nosa de Comunicación Audiovisual con Socioloxía. Ocorréusenos o paralelismo de que a universidade non tiña nen para mercar papel do baño, como en Venezuela, facendo sarcasmo e saiu un rap. Houbo quen dixo que non soaba tan mal e bon, lanzámonos a seguir adiante co proxecto. 

Partillaremos escenario cun cartaz que inclúe o máis grande do país e con grupazos de todo o estado

Levades un ano con isto mais presentástesvos ao concurso de novos valores do Revenidas e gañastes.
Si. Lanzamos a maqueta a finais de febreiro comezos do mes de marzo. Antes saiu un adianto de berros do mar, aló por decembro. A cronoloxía é esa. Estamos un pouco desbordadas. Non o agardabamos, había nivel no concurso e ficamos moi sorprendidas. [Juan usa feminino inclusivo na conversa que mantemos na reprodución escrita]. Partillaremos escenario cun cartaz que inclúe o máis grande do país e con grupazos de todo o estado, mesmo do plano internacional. Nese senso estamos un pouco desbordados. 

Lanzastes a maqueta e hai poucos días un videoclip, A herdanza do vento, man a man con Santa Guerrilla. 
A Santa Guerrilla, a Xose [Grajal], coñecímolo un pouco antes da final do concurso de bandas do Revenidas. Púxose en contacto con nós para quedar antes dun concerto que tivemos en Vigo. Pensamos que podía ser un trolleo porque non entendiamos moi ben que alguén quixese falar con nós dicindo que estaba moi interesado no proxecto. [Ri]. Vimos que tiñamos vontades partilladas e coas nosa gañas e ideas máis a experiencia de Xose para darlle sentidiño ás cousas, propúxonos relanzar a maqueta con algo que lle dese máis calidade e fixémolo co videoclip de A herdanza do vento

Se estamos nisto é porque temos vontade de lanzar unha mensaxe e, nese senso, a música ten que estar ao servizo desa cuestión

Fálame do estilo musical de Ezetaerre, facedes un rap moi pausado.
Dentro do rap que facemos destaca que non é pesado, é moi melódico. Se estamos nisto é porque temos unha vontade de lanzar unha mensaxe e, nese senso, a música ten que estar ao servizo desa cuestión, que sexa accesíbel para todo o mundo. O que máis me sorprende cando falo con xente do proxecto é que hai persoas que non escoitan rap mais que atopan cousas interesantes a isto. Eu persoalmente non veño dunha cultura do rap e atópome cómodo dentro deste estilo que estamos a facer. 

Se algo caracteriza Ezetaerre son as letras e o seu compromiso político. De onde xorden? 
É a esencia de Ezetaerre. Cando nos xuntamos os tres para facer algo foi arredor dunha reivindicación. Dalgunha maneira aí é onde enmarcamos a razón de ser do grupo. Non me trabuco se digo que o noso proxecto é un proxecto profundamente político de aspiracións profundamente políticas, de dar un combate ideolóxico. Tanto Miguel, Pedro coma min tomamos parte activa de distintos movementos sociais, no concreto do estudantil e ese é o noso denominador común. 

Bebemos moito dunha situación de emerxencia social e máis acrecentada aínda na mocidade

Vivimos un momento político e social que dá pé a nutrir de moitos aspectos distintos esas letras?
Desde logo. Fálase moitas veces desa xeración durmida mais somos a xeración á que lle toca mover ficha. Coido que nalgúns aspectos vense facendo e nós bebemos moito desa cuestión, dunha situación de emerxencia social e máis acrecentada aínda na mocidade. É o que nos empurra a facer este tipo de letras. Temos compañeiros que vemos como marchan fóra do país, nós os tres estamos con moita vertixe por non saber que vai ser de nós laboralmente, etc. Neste marco, como non tentar mover ficha!

Cales son as vosas influencias, de onde bebedes?

Musicalmente?

Si.

[Ri]. Aquí a verdade é que estamos moi en disputa. Garchu é quizais o que maiores influencias ten no rap. Pedro aporta máis o seu coñecemento da música do país. Eu, no entanto, practicamente non escoitei rap na miña vida, reivindícome como punk. Mais sen lugar a dúbidas algunhas das nosas influencias son Rebeliom do Inframundo, García e Dios Ke Te Crew ou fóra xa do país, Los Chikos del Maíz. 

Tendes algunha data fechada para alén do Revenidas?
Vimos de tocar nun festival en Zaragoza e estamos a tentar fechar outra data aquí no país para as vindeiras semanas. Gostamos dos directos e agardamos poder tocar máis. 

É difícil comezar?
É bastante complexo, todo está moi acoutado. Hai bandas galegas cunha potencialidade enorme que dalgún xeito están a cubrir os cupos, é difícil abrir unha pequena fenda. Mais, bon, aí estamos. 
 

Comentarios