Victoriano Suanzes en Ferrol
O período álxido do Terror na zona foi o comprendido entre o 15 de agosto e o 31 de outubro de 1936: máis da metade dos asasinatos e practicamente o 90% das execucións extraxudiciais cometidas nos tres anos de guerra civil tiveron lugar nestes dous meses e medio. A represión inicial foi dirixida contra individuos dos grupos que aínda tentaban resistir en Miño, Pontedeume, Cabanas, Mugardos ou Cedeira; mais as cousas cambiaron de modo brusco a partir do 16 de agosto, cando comezaron a producirse sacas colectivas de presos que eran executados sen ningunha formalidade legal. Esta mudanza nos métodos e na intensidade da represión coincidiu coa chegada a Ferrol do capitán da Garda Civil Victoriano Suanzes Suanzes e o seu nomeamento como delegado de Orde Pública. E as execucións extraxudiciais mantivéronse ao longo dos dous meses e medio que Suanzes comandou a Delegación, para diminuír drasticamente despois da súa destitución a finais de outubro de 1936.
A prensa da zona republicana destacou o papel na represión de Suanzes, ao que mesmo atribuíu unha participación directa na utilización de métodos de tortura como os denominados a “ducha” e o “garrote”. Anos despois, Manuel D. Benavides fixo unha descarnada descrición de Suanzes, ao que acusou de elaborar persoalmente as listas das persoas a asasinar, e insistiu en que el mesmo participaba persoalmente nas torturas a mulleres dos presos na chamada “piscina” da Academia de Maquinistas.
Quen era aquel Suanzes de quen tan cruelmente falaban as crónicas? Victoriano nacera o 19 de maio de 1903, e pertencía a unha familia de longa tradición militar, era fillo, neto e bisneto de almirantes. En 1921 ingresou na Academia de Infantaría en Toledo e algúns anos despois, en 1928, cando xa era tenente, pasou a formar parte da Garda Civil. En outubro de 1934 o seu nome destacou entre as forzas da Garda Civil máis activas na persecución de militantes de esquerda implicados no levantamento socialista.
Moitas das persoas detidas en Ferrol padeceron malleiras e torturas, das que foron acusados os gardas civís José Leseduarte, Suanzes, Manuel Cebral e José Torres. Mais ao mesmo tempo que as acusacións, chegaron tamén, por outra banda, as homenaxes públicas dos partidarios da man dura: o ministro de Marina, a proposta do xefe da Base Naval de Ferrol, condecorou a Leseduarte, Suanzes, Cebral e outros nove gardas civís pola súa actuación.
Suanzes foi ademais ascendido a capitán e destinado á provincia de Lugo, onde estivo envolto noutro incidente por excesos no uso da forza, pois varios gardas civís mataron en Gundivós-Sober un home de quen sospeitaban que tivera algo que ver coa morte violenta dun vixilante das minas de Freixo-Monforte.
Despois da vitoria electoral das esquerdas en febreiro de 1936 Victoriano Suanzes foi trasladado a Calahorra-Logroño, pola súa implicación na tentativa golpista do 19 e 20 de abril. Este golpe contaba cunha importante participación de gardas civís agrupados arredor do tenente coronel Benito de Haro, entre os que estaban Florentino González Vallés, Tomás Fernández Rogina e Rodrigo Santos Otero; nesta tentativa contábase co enlace de Suanzes con militares da Armada en Ferrol, grazas á súa orixe familiar. En xullo de 1936 Suanzes estaba detido no castelo de Montjuich, mais conseguiu escapar, gañando a fronteira francesa para retornar a Calahorra.
Despois foi recibido triunfalmente en Lugo, A Coruña e Ferrol, a onde chegou o 9 de agosto; entre aclamacións o alcalde da cidade pediu que ficara destinado na cidade.
Resúltache interesante a lectura? Para acabar de ler esta reportaxe só tes que mercar o Nós Diario de hoxe nas librarías, gasolineiras ou quiosques e mesmo na nosa tenda para a súa lectura na nube. Para estar ao día de todos os capítulos do coleccionábel 'Os nomes do terror' é mellor que formalices a túa subscrición!