Opinión

As solucións que a conselleira do mar non quere dar

O 22 de outubro de 2015, os armadores de ACERGA plantáronse en San Caetano para reivindicar un reparto xusto de cotas.

O 22 de outubro de 2015, os armadores de ACERGA plantáronse en San Caetano para reivindicar un reparto xusto de cotas. Os barcos permanecen amarrados e as tripulacións en paro; as redeiras e as empresas que viven directa e indirectamente do mar en espera de solucións que non chegan.

Hoxe, 30 de decembro e contados por calendario, cúmprense 70 días de acampada. Xa pasaron a Noiteboa e o Nadal, e pasarán tamén a noite de Fin de ano e Aninovo; quedaron na acampada porque sabían que non podían deixar o campamento só. Non se fían. Fan ben. Algúns voluntarios acompañan estes días aos mariñeiros. Os Club Bombeiros de Coruña lanzou unha chamada de SOS para sensibilizar á poboación e a outros sectores do problema que a familia do mar enfronta e do que nos xogamos tod@s si se perde a pesca tradicional e artesanal en Galicia. Bombeiros, músicos, artistas e particulares aportan o seu grao de area. O pasado 27 de decembro, o Grupo de Teatro Airiños de Asados (Rianxo) viñeron a amenizar a xornada coa posta en escena da obra “Salvemos o Xeito”, e modificaron expresamente as últimas estrofas do cantar de cego (cega), para amosar a súa solidariedade có cerco galego.

"Os Club Bombeiros de Coruña lanzou unha chamada de SOS para sensibilizar á poboación e a outros sectores do problema que a familia do mar enfronta"

As mulleres, que xa tiveron a súa quenda completa hai unhas semanas, continúan mobilizándose e estarán de novo pasando o día 3 de xaneiro, para darlles un pouco de descanso aos seus homes, fillos, pais... Continúan adiante coa recollida de firmas por todos os pobos da costa, e o seu encontro cós Alcaldes do día 22, non caeu en saco roto. 

Namentres, a Consellería, pídelle papeis e documentos aos armadores de ACERGA, papeis que a Administración debe ter xa por duplicado ou triplicado (ou deberían)... e claro, nesta Terra somos moi desconfiadas... temos 70 motivos para selo... está a Conselleira tentando dilatar o proceso a ver si deixan a acampada? Está dilatando o proceso ata ter atado e ben atado o seu proxecto de acuicultura por toda a costa galega? Por que a día de hoxe non hai nin proposta, nin números, nin pre acordo, nin data para unha nova xuntanza. E urxen solucións e boas intención política.

"70 días e sumando, eles non se van ir, aínda que se sintan cansos e acusen o desgaste que provoca este tipo de mobilizacións"

A Conselleira, que debería ter dimitido hai semanas pola súa incompetencia manifesta e a súa falta de respecto coa familia do mar, debe pensar que xa tivo o seu momento de gloria ao convocar a reunión, xa quedou ben, xa saíu en todos os medios (os mesmos medios que compran cós nosos impostos) xa está, pensou... agora que se vaian a casa... Cóntanme que a Conselleira anunciou alegremente en reunións con outros sectores que isto xa estaba en vías de solución e que o 24 e 25 de decembro non quedaría ninguén na acampada … ninguén!… e nisto chegou a TV de Galicia... e alí estaban, por suposto... parvos serían... 

70 días e sumando, eles non se van ir, aínda que se sintan cansos e acusen o desgaste que provoca este tipo de mobilizacións, o seu futuro está en xogo, e non é ningunha broma. Son miles de familias as que viven do mar, MILES! Ou loitan pola súa supervivencia, ou desaparecen... desaparecemos. Non o esquezamos e apoiémolos.

Comentarios