Solidariedade da UE, mais dentro dos tratados, chave na negociación do rescate

O Consello Europeo debate hoxe, nunha das reunións máis importantes dos últimos tempos, o artellamento dunha ferramenta de apoio financeiro para os Estados membros máis afectados pola pandemia. Berlín e Madrid achegan posturas e poderían mediar entre as máis opostas, as representadas por Roma e A Haia.
HANDOUT - 16 April 2020, Belgium, Brussels: President of the European Council Charles Michel speaks during the European Parliament plenary session to discuss the latest updates concerning the coronavirus pandemic. Photo: Laurie Diffembacq/European Parliament/dpa - ATTENTION: editorial use only and only if the credit mentioned above is referenced in full
ONLY FOR USE IN SPAIN

HANDOUT - 16 April 2020, Belgium, Brussels: President of the European Council Charles Michel speaks during the European Parliament plenary session to discuss the latest updates concerning the coronavirus pandemic. Photo: Laurie Diffembacq/European Parliament/dpa - ATTENTION: editorial use only and only if the credit mentioned above is referenced in full

16/4/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Charles Michel, presidente do Consello Europeo, na Eurocámara (Laurie Diffembacq / dpa)

O órgano da UE que reúne os xefes de Estado e de Goberno dos países membros, o Consello Europeo, manterá esta tarde unha decisiva xuntanza. Unha das máis agardadas dos últimos tempos pola súa transcendencia de cara ao futuro comunitario. E porque, basicamente, todas as medidas económicas propostas a nivel estatal, especialmente polos Gobernos español e italiano, dependen para a súa execución do diñeiro que chegue de Bruxelas.

A medida máis ambiciosa, que continúa defendendo a día de hoxe principalmente Italia, é a emisión de bonos de débeda pública a nivel europeo. Esta é unha proposta xurdida xa tras a crise financeira de 2008. 

Daquela coñecidos como eurobonos, presentáronse como unha solución para que os países do sur puidesen lograr un mellor financiamento nos mercados. Estes perderan a confianza dos acredores e tiñan que emitir bonos de débeda pública propios con intereses elevados. Acudindo xunta aos mercados de débeda, o apoio da zona euro facía que os intereses fosen máis baixos e polo tanto o pagamento da débeda, menor.

Alemaña e os Países Baixos, menos afectados por aquela crise, impedírono, alegando que cada Estado debía ser responsábel da súa xestión económica e, polo tanto, do seu endebedamento. Na práctica, compartir a débeda servía para axudar os Estados do sur, mais provocaba que nos do norte a prima de risco subise, é dicir, que baixase a confianza internacional para emprestarlles diñeiro. 

Dos eurobonos aos coronabonos

Mais na actualidade, Italia defende que o endebedamento consecuencia da pandemia non vén provocado por unha mala xestión económica, senón por un factor externo, polo que cómpre botar man dos agora chamados coronabonos. O Goberno neerlandés négase en rotundo. 

"As posicións extremas de Italia e dos Países Baixos poderían condenar ao fracaso a cimeira", apuntaba onte o xornal italiano La Stampa, que apuntaba ademais que a solución "podería pasar por España". O Goberno que preside Pedro Sánchez, informaba o diario español El País, tería negociado co da súa homóloga, Angela Merkel, unha proposta a medio camiño. É dicir, sen creación de novos mecanismos ─os coronabonos─, mais estirando ao máximo os actuais.

Segundo publicaba onte o periódico alemán Süddeutsche Zeitung, o secretario de Estado para a UE, Michael Roth, asegurou que Alemaña está lista para "proporcionar máis fondos de maneira significativa". Unhas palabras que van na liña das pronunciadas pola propia Merkel a comezos de semana, sinalando que están preparados "para involucrarse nun maior grao". 

"Por suposto que cómpre ter en conta que os Estados membros da UE non están nesta situación pola súa culpa. Isto é unha pandemia", afirmou a chanceler, engadindo que "Alemaña será solidaria", mais matizando, porén, que esa solidariedade tería que darse dentro das regras dos tratados europeos xa existentes. Xa que logo, parece imposíbel que os coronabonos saian adiante. 

Dúas propostas

Polo tanto, o acordo ao que se poida chegar hoxe sairá de dúas das propostas actuais sobre a mesa, que se sumarán ao paquete de medidas de urxencia anunciado nas últimas semanas: préstamos a través do fondo de rescate (MEDE) e do Banco Europeo de Investimentos, e o fondo contra o desemprego Sure

A primeira, presentada pola Comisión, planea crear un fondo de recuperación, financiado por maiores contribucións de cada Estado ao orzamento da UE 2021-2027. Esta podería emitir valores e recadar diñeiro nos mercados para despois prestalo aos países con máis dificultades.

A segunda é a do Goberno español: un gran fondo de até 1,5 billóns de euros que se repartiría como "transferencias a fondo perdido", segundo informou onte Sánchez no Parlamento español, e non como préstamos ─polo que non contarían como débeda pública─ entre os países máis afectados pola crise. 

Estaría financiado con "débeda perpetua", é dicir, só se pagarían os intereses. Un pago que a proposta española pretende facer con impostos europeos como unha taxa ao CO2 nas fronteiras ou ás transaccións financeiras

As dúas propostas teñen a favor para saíren adiante que non requirirían de modificacións lexislativas nin trámites parlamentarios estatais adicionais. Porén, segundo apuntan outras análises, parece complicado convencer os Estados membros máis partidarios da disciplina fiscal e da austeridade de contraer unha "débeda perpetua" e de aumentar a súa contribución ao orzamento europeo, tendo en conta que en febreiro se opoñían a que o orzamento para 2021-2027 superase 1% do Produto Interior Bruto (PIB) da UE.

Comentarios