Pep Cruanyes, vicepresidente da Assemblea Nacional Catalana

“A sociedade civil ten as cousas máis claras que os partidos”

Pep Cruanyes (Masnou, Maresme, 1952) é historiador e avogado. E, desde marzo, vicepresidente da Assemblea Nacional Catalana. Participou nas xornadas organizadas por Vía Galega para conmemorar o IX Congreso das Nacionalidades Europeas. “Únennos os obxectivos que perseguimos os distintos pobos”, entende. Eis un extracto da conversa, publicado no número 317 de Sermos Galiza.

[Imaxe: SG] Pep Cruanyes
photo_camera [Imaxe: SG] Pep Cruanyes

2018101019290957300A un ano do 1-O, como valora o intre actual do proces soberanista de Catalunya?

Despois do 1-O producíronse feitos caracterizados pola represión política e xudicial. Como resposta, reaccionouse e denunciouse, con accións no interior e no ámbito internacional. Xa vimos como responderon os tribunais ou as Nacións Unidas. Ademais, o 21 de decembro houbo eleccións e revalidouse a maioría independentista. Os tribunais españois interferiron de maneira antidemocrática na vida parlamentaria e dificultaron o funcionamento do Parlament. E o punto de inflexión chegou o 11 de setembro, cando unha mobilización masiva deu resposta á represión. Esta represión significa que non estamos nun Estado democrático e de dereito. Pero na Diada reafirmamos o movemento social e político. Dixemos: “Non temos medo e imos seguir adiante, firmes nos nosos obxectivos”. Ademais, a represión afirma aínda máis a necesidade de construír un novo Estado democrático e libre. 

De que maneira influíu a represión no funcionamento da ANC?

Detiveron o presidente [Jordi Sànchez] e foi un golpe importante. Produciu medo e un preguntármonos “que pasa aquí?”. Falan de sedición por actos democráticos. Paralizounos. Mais despois das eleccións do 21 de decembro, en que dimitiu o presidente da ANC -actualmente é deputado de Junts per Catalunya-, e renovamos a dirección, seguimos adiante. Pensamos: “Non podemos quedar sen responder, porque iso é o que pretende a represión”. Reafirmámonos na nosa loita pacífica e democrática polos dereitos do pobo de Catalunya.
 

Agardaban unha reacción así do Estado español?


Non, a verdade é que non. Eu vivín no franquismo, aínda que era moi novo, e xa sabía como as gastaba o Estado español. Para min a sorpresa foi menor. De todas as maneiras moita xente quedou tocada. Pero a reacción da poboación non foi de se retraer, foi de dicir: “Isto non o podemos consentir, non podemos admitir que vivamos no século XXI e que o Estado teña uns tribunais que actúen irregularmente e que a policía e a fiscalía teñan os mesmos criterios que no franquismo”.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios