A FONDO

Sobredo 1922: A rebeldía agromou da Terra.

Esta semana debullamos os sucesos de Sobredo, que constituirán un fito na loita antiforal na Galiza e unha páxina tráxica na nosa historia. Xa á venda na nosa loxa.

capaafsobredo"Nos agros de Sobredo florecen moitas rosas. Hoxe berramos: Terra a nosa!", así remata o texto introdutorio da escritora Marga do Val que abre a capa do caderno A Fondo desta semana. Do Val é a coordinadora deste monográfico dedicado a un dos fitos que, por mágoa, deixarán unha pegada imborrábel na historia da Galiza labrega. O caderno pon luz no acotencido o 28 de novembro de 1922 no lugar de Sobredo en Guillarei (Tui), mais inseríndoo no seu contexto histórico e presentándoo como un exemplo máis da represión que azotou o noso país.

Amaro González Pousa, estudante da USC, describe o acaecido hai 93 anos. Tres asasinatos. Unha muller. Dous homes. Todos labregos e un deles tataravó de González. Foi, precisamente, a transmisión interxeracional no seo da súa familia a que lle permitiu coñecer o que pasara. Unha lembranza que agradece encarecidamente. "Agradézolle a miña familia que nunca me tivera ocultado nin edulcorado nada relativo a este suceso (nin a ningún outro), que se transmitira con naturalidade que tamén se me transmitira a importancia de ter memoria". É por iso que o autor fai un chamado a recordar. A recordar para facer xustiza.

Para o historiador Bieito Alonso os sucesos de Sobredo son ao tempo "excepción e paradigma". Excepción, por ter acadado "unha longa pervivencia no imaxinario colectivo" un conflito social enraizado na Galiza rural. E pardigma, por simbolizar un fracaso, o dunha burguesía agraria que nunca deu agromado e que foi superada historicamente. Alonso coida que Sobredo simboliza un conflito político e social, como visa a unidade entre o movemento agrarista e o incipiente sindicalismo obreiro da época. "As tres mortes son expresión dun enfrontamento entre os que teñen e os que non teñen". Loita de clases, no campo galego de principios do século XX.

No feito de que Sobredo sobreviva na memoria colectiva da nosa nación ten moito a ver o inxente traballo de divulgación e reivindicación histórica realizado desde 1986, data na que se celebra a primeira conmemoración e na que por subscripción popular enceta a reconstrución do monumento que falanxistas destruiran en 1936. Nesa laboura de dignificar a loita que se cobrou a vida de Cándida, Joaquín e Venancia, ten achegado moito o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Unha entidade de base popular que se constituíu hai tres anos. Marga do Val conversa co seu actual director, José Paramos Andrés, nunha entrevista na que pon o acento na necesidade de continuar co traballo iniciado. 

A pedra é o elemento sob o que se alicerza a memoria de Sobredo. A pedra esculpida por Camilo Nogueira Martínez para dar forma a un monumento cuxa reconstrución simbolizou a teimosa resistencia do povo diante da amnesia que a ditadura fascista quixo inocular con paus. A neta do escultor, a profesora Alba Nogueira, aproxímanos á súa figura, permitindonos comprender en maior medida o alcance desa obra.

Sobredo da para moito. Tamén para refutar o falso mito da Galiza "queda, apoucada, mansa e falta de organización". Así o sostén o historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, quen salienta o valor da loita de Sobredo como un síntoma máis da combatividade e organización dos e das labregas galegas. "Aquelas e aqueles labregos daban unha lizón de dignidade e xustiza, paradigma rebelde, nunha Galiza rica, mais empobrecida por un colonialismo salvaxe".

Os versos de Julián Bravo Jaso e José Piñeiro Trillo poñen o ramo ao caderno, cunha guinda de emotividade que se centra na dimensión humana da rebeldía que agromou da terra en 1922.

>>Xa á venda na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios