Opinión

Sobre memoria

Os pasados 12, 13 e 14 de maio tivo lugar o VIII seminario sobre a memoria: a longa noite de pedra. Celebrouse en Rianxo, Celanova e Allariz. A organización correu a cargo do departamento de Ciencias Sociais do IES Félix Muriel, Nova Escola Galega e o Instituto Galego de Historia.

Convidado a intervir, tiven a magnífica oportunidade de acompañar os participantes, na segunda das localidades. Emotiva foi, especialmente, a visita ao alto do Furriolo, un dos puntos marcados en vermello no martiroloxio dende o 36. Ao pé do mural, responsabilidade artística de Xosé Vizoso -levantado no seu día pola asociación Arraianos-, esparexeuse o recendo das flores entre a calor dos versos en honra de tantas vítimas da barbarie.

Mais non menos emocionante foi compartir verbas, arelas e desenganos con moitos protagonistas da represión fascista. Como foi o caso de M.ª Dolores Alonso Reverter (filla dun presidiario asturiano na celanovesa prisión central), Flora de Cartelle (herdeira do poderoso testemuño de Serafín Estévez), Fernanda Cedrón (neta do Gardarríos), o guerrilleiro Francisco Martínez López “Quico” e e varios netos do Celso de Poulo, alcalde de Gomesende paseado no 36.

Emotiva foi, especialmente, a visita ao alto do Furriolo, un dos puntos marcados en vermello no martiroloxio dende o 36

 

A lembranza dalgunhas das figuras nas que se alicerza a nosa liberdade combinouse co recordatorio do horror do padecemento sufrido, durante décadas, polas súas familias, polas de tantos denigrados, espoliados e torturados.

Á construción da andamiaxe dunha Galiza próspera e moderna no seo da Segunda República -unha esencia, en palabras dun dos asistentes, o poeta popular Lois Antón- sucedeu un tempo de chumbo caracterizado por asasinatos, saqueos, mutilacións, exilio…

Na restitución do nome e da dignidade dos auténticos mártires da nosa democracia fica case todo por facer. Un pequeno xesto, emblema, dende estas terras, dunha realidade silenciada que cómpre visibilizar pódeo constituír a reivindicación da memoria da figura de Celso Pérez Enríquez, no seu lugar vital, Poulo (Gomesende).

Un acto que se foi adiando dende o traslado dos seus restos ao panteón familiar, a principios da década dos oitenta, logo de seren recuperados da aba do Furriolo, onde fora paseado no verán do 36. Un acto, previsibelmente celebrábel o vindeiro mes de agosto, ao cal familiares, veciños, amigos ou persoas de ben deben acudir e faceren votos de liberdade.

Contundentes foron as declaracións de persoeiros como Francisco Martínez López “Quico”, quen denunciou que os seus compañeiros, loitadores contra o totalitarismo dos sublevados, seguen estando no esquecemento. “Yo he vuelto para la memoria contra el olvido”, sentenciou, ao tempo que declaraba que a solución a ten á man o conxunto da sociedade civil.

Entre os retos sinalados, por estas autorizadas voces, que con premura cómpre acometer, está a unidade de acción e a coordinación de asociacións en Galiza, de cara a lles tramitar as demandas do colectivo aos poderes públicos.

Vanse facer públicas, na páxina de Nova Escola Galega, as conclusións das propostas xurdidas no seminario, en relación coa temática da memoria, republicana -segundo demanda definir o profesor Alonso Montero-.

É hora, xa que logo, de que este documento -que completa os xurdidos noutros foros- sexa asumido polas forzas vivas da sociedade, de cara a ser presentado e acatado polos poderes públicos do país.

Na restitución do nome e da dignidade dos auténticos mártires da nosa democracia fica case todo por facer

 

Porque, como Fernanda Cedrón aclarou, aquí matouse a xente dúas veces: de primeiras quitóuselle a vida, e nunca se lles restituíu, nins ás vítimas nin ás súas familias, a dignidade.

Comentarios