"Sobordar a cerca fainos nación": a loita das mulleres da Pontesa

Margarita Ledo Andión presenta a cuarta feira en Cineuropa (Compostela) a súa cuarta película, 'Nación', un filme-ensaio que vira sobre a experiencia e a loita das traballadoras da Pontesa (Pontevedra).
'Nación' de Margarita Ledo Andión.
photo_camera 'Nación' de Margarita Ledo Andión.

De insignia da modernidade na produción de louza, a fábrica Alfares da Pontesa (parroquia de Ponte Sampaio, no concello de Pontevedra) deixaba co seu feche en 2001, logo da creba do Grupo Álvarez, centos de homes e mulleres na rúa, con salarios e indemnizacións sen pagar.

A inmobiliaria Subel adquiriu parte dos seus terreos, mais imcumpriu os acordos co persoal, que lle reclama desde entón aínda 2,5 millóns de euros.

Sobre estes feitos tece Nación, o último filme de Margarita Ledo Andión, o seu modo de traer á tona a historia velada das mulleres, neste caso no sector industrial. "Apagando a escuridade dos meus dedos", segundo un dos versos do poema de Eva Veiga, recitado por ela mesma, que abre a película.

Porén, Ledo confesa que xa traballaba en Nación antes de dar coas traballadoras de Pontesa, coa idea de compilar como se tiña filmado a Galiza, influída probabelmente pola serie Para unha historia do cinema en lingua galega ―promovida polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago― da que xusto acaba de saír do prelo o  terceiro volume, De illas e sereas (Galaxia).

O interese no traballo industrial das mulleres procede do seu anterior filme, A cicatriz branca (2012), onde comproba o importante que fora ese paso de "criadas a traballadoras das fábricas" cando a mediados dos anos 50 na Arxentina, como sabían coser, comezan a empregarse no sector téxtil. Daquela "o corpo libérase da subordinación do espazo doméstico para construír pouco a pouco a súa independencia", valora a cineasta.

"O corpo libérase da subordinación do espazo doméstico para construír pouco a pouco a súa independencia", valora Ledo

O que Ledo trata é a súa propia xeración ―"aquela expulsada do traballo industrial coa reconversión"― e pensa en Pontesa porque cobre precisamente as "transformacións, precarización e esfarelamento do sistema capitalista produtivo para un especulativo, que pasa no caso español polas peores prácticas".

O sufrimento da Pontesa, unha ferida aínda aberta, foi representativo na época non só pola perda económica, senón como indicio que ía esmiuzar todo un modo de vida.

Unha xeración

Pontesa érguese como exemplo, cun amplo cadro de traballadoras e unha espectacularidade a nivel formal, mais sobre todo porque alí "as mulleres construíronse como persoas, como cidadás", explica Ledo.nación 2

A directora chegou a ela a través duns vídeos domésticos, no que descubriu dúas cousas de Nieves Lusquiños, peza fundamental da película, que a atraparon: ter mercado en canto puido un Dyane 6 amarelo descapotábel e a frase ―un berro no deserto― "nunca traballedes gratis, por favor!".

Buscouna até dar con ela en setembro de 2019, para exporlle pouco a pouco a vontade de facer un filme. A ex traballadora da Pontesa, ao principio, non daba creto. "A miña vida non ten moita importancia", comenta a Nós Diario quen axiña descubriría con sorpresa "canta xente hai detrás dun filme".NACION_02-retoq

Lusquiños serviría de elo con outras empregadas. "Eu non sabía que Pontesa seguía en litixio coa inversora que mercou terreos da fábrica en Vigo, do grupo Álvarez, porque se negaba a cumprir o acordado", afirma Ledo. Na vista preliminar nos xulgados da Coruña tivo o primeiro contacto coas súas futuras actrices.

Da felicidade ao espolio

Lusquiños lembra con agarimo o tempo da fábrica: "Gustábame traballar e mudar de posto, algo que para outros era un castigo. Fixen moitas cousas distintas". Esta "curranta", como tantas outras mozas, entrara con 14 anos. "Daquela era así", asevera Ester García

"Aqueles anos foron unha marabilla", coincide coa súa compañeira. Na súa casa eran "moitos irmáns, pobres", e aquel soldo inicial de 320 pesetas ―que logo iría subindo― significaba moito. Recorda, por exemplo, o aprecio de mercar un bote de pexegos polo Nadal. "Ti non sabes o que era iso", di, "os que pasamos fame desas cousas dámoslle moita importancia".

"Aqueles anos foron unha marabilla", coincide Ester García

Sen deixar plenamente traballos no campo ou no fogar, o emprego na fábrica, ese primeiro sobre, implicaba "ser respectada, na familia e na comunidade", conta Ledo. A obtención dun salario era fundamental nun sistema capitalista no que iso permitía a independencia.

"O horario partido, de mañá e tarde, era malo", relata García. Pelexaron pola xornada intensiva, botaron moito tempo protestando, comendo á beira da estrada. Ao final conseguírono, igual que o descanso dos sábados pola mañá.

As traballadoras da Pontesa descubríanse fortes, unidas. Ledo observa aí "o que agora chamamos sororidade, a formación dos lazos visíbeis e invisíbeis, porque se manifestan ou porque van tomar os gin tonics xuntas". 

Cando a cousa comezou a ir mal, tampouco ficaron caladas. García lembra ben como pararon o tren en Arcade (Soutomaior), os 18 días que acamparon fronte á Xunta en Compostela, o feche no concello de Vigo, os altercados no aeroporto desa cidade...

"Pelexabamos polo noso pan e dos nosos fillos", di García

"Mandaban os antidisturbios de fóra, que botaban aquelas bolas de fume que te mataban viva", comenta. Pero non se rendían: "Pelexabamos polo noso pan e dos nosos fillos". Botábanas con 40 e pico anos, unha idade na que a reinserción no mercado laboral era case imposíbel. E, con todo, García afirma entender "o medo da xente que non quería parar", mais ao que ela se negaba era a "traballar sen cobrar".

O filme rescata, neste senso, imaxes das manifestacións da TVG, fondos que nunca se editaron e non estaban dixitalizados. Unha eiva que Ledo apunta como central no seu próximo proxecto académico: "fáltanos ir ao subsolo, e iso tamén o dá un filme como este" que, ao incorporar unha serie de materiais, "está a explicarnos o presente".

Non-ficción

Son estas as lembranzas sobre as que se ergue o filme-ensaio, encadrado na non-ficción, unha fórmula que Ledo practicou en todas as súas películas, mais que se cadra nesta se atopa "máis incorporada a min mesma, á miña propia expresión", nunha síntese de materiais moi diferentes entre si, "pero que teñen que engarzarse e conseguir esa harmonía que dá unha obra".

PONTESAMAPAIOAs actrices Mónica Camaño ou Xoana Pintos xa aparecían en A cicatriz branca, igual que a música de Mercedes Peón estaba en Liste, pronunciado Líster (2007) ou o espazo da granxa Tejeda (Castro de Rei) se fixo presente desde Santa Liberdade (2004).

A obra non se limita a recoller o testemuño dun déjà vu das traballadoras, senón que xoga coas fronteiras do pasado e o presente, da ficción e a lembranza. Xunto ás profesionais da interpretación, as mulleres de Pontesa vólvense actrices.

Ao traballar un "filme experiencia", xorde o temor a que as protagonistas o "confundan co documental convencional", advirte Ledo. Iso levouna a comezar pola actuación, para tomar consciencia "de que era unha película. Iso a performance dácho". Unha experiencia que elas "xa tiñan incorporada", pois "parar unha fábrica tamén é unha performance".

García admite que volver a Pontesa rodar foi para ela unha "grande emoción", ese lugar "onde quitaches a fame do lombo". Mais "acabaron con el".

Se che apetece seguir descubrindo este tema non tes máis que acudir mañá á túa libraría de confianza ou mercar Nós Diario na nosa tenda online. Tamén podes garantir que estarás ao día de toda a actualidade facendo a subscrición xa!

Comentarios