Ao mediodía subiu a participación nas urnas 4,4 puntos

432.904 galegas e galegos exerceron o seu voto antes do mediodía, o que supón un incremento de participación de 4,4 puntos. Esta aumenta de maneira máis considerábel nas circunscricións de Pontevedra e A Coruña, que adoitan ser menos favorábeis para o PP que as de Lugo e Ourense.
Fileira para poder votar no colexio electoral este 12-X (Imaxe: Carlos Castro / EP)
photo_camera Fileira para poder votar no colexio electoral este 12-X (Imaxe: Carlos Castro / EP)

A participación subiu este 12-X até as 12 horas do mediodía en 4,4 puntos respecto á rexistrada á mesma hora hai catro anos, nos comicios galegos de 2016. Hoxe, a esa hora, xa votaran 432.904 persoas (19,41% do censo), fronte ás 338.632 (15,01%) que o fixeran en 2016.

A maior suba rexístrase nas circunscrición de Pontevedra e A Coruña, onde o PP ten menor incidencia e non participa en ningún Goberno das cidades.

Na de Pontevedra aumenta a participación 5,56 puntos e xa votou 19,77% do censo. A Coruña ten un incremento de 4,02 puntos e rexistra unha participación de 18,72%. Tamén sobe a participación, de maneira máis leve, nas circunscricións de Ourense (3,25 puntos) e Lugo (2,94).

A Mariña Central, epicentro do rebrote do coronavirus e con maior número de positivos e sen dereito a voto por mor do Goberno galego e a Xunta Electoral non teren habilitado mecanismos que garantir o seu dereito ao sufraxio, a participación sube 1,18 puntos.Na Mariña Occidental sobe tamén (2,66), e de maneira máis marcada na Oriental (3,26).

Comentarios