Imprimir

"Só tres médicos de sesenta falamos galego"

Susana Rois | 16 de xaneiro de 2020

Acto de conmemoración do primeiro ano de actividade do Hospital Álvaro Cunqueiro (Xunta).
Acto de conmemoración do primeiro ano de actividade do Hospital Álvaro Cunqueiro (Xunta).
O último episodio de vulneración do dereito a usar o galego no ámbito sanitario volve pór enriba da mesa a necesidade dun cambio lexislativo que favoreza a garantía do seu cumprimento. A queixa tramitada na Liña do Galego xa está en mans da Valedora do Pobo, de Sanidade e de Política Lingüística.

A queixa presentada por Rute Pallares na Liña do Galego contra unha pediatra do Sergas condensa as dificultades que sofren moitas persoas galegofalantes para expresarse con normalidade na súa lingua, nun contorno onde o galego figura como lingua propia e oficial. 

Pallares dirixiuse ao servizo gratuíto da Mesa pola Normalización Lingüística para dar conta dunha vulneración dos seus dereitos lingüísticos durante unha visita ás Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. Acudiu ao servizo co seu fillo de sete anos, e ao pouco de entraren na consulta, a pediatra pediulles de "malas maneiras" que cambiasen de lingua, porque non entendía o galego. 

Modificación lexislativa

A nai mudou de idioma e mesmo exerceu de tradutora da crianza, que mantivo o galego en todo o momento para dirixirse á facultativa. Rute Pallares recoñeceu en declaracións a Nós Diario que foi consciente desde o primeiro momento da vulneración dos seus dereitos lingüísticos, pero que nese momento decidiu cambiar de lingua para non comprometer os coidados do seu fillo.

"Se as persoas que nos atenden, na sanidade e noutros eidos da Administración xeral, onde pasa o mesmo, non teñen que saber galego, queda a porta aberta para que isto se repita".

"As doentes teñen dereito a usar o galego pero o persoal médico non está na obriga de coñecelo", sinala Marcos Maceira, presidente da Mesa, "desta forma é imposíbel facer efectivo este dereito fundamental das persoas galegofalantes". Así, reclama unha modificación lexislativa que volva estabelecer o deber das profesionais sanitarias de coñecer a lingua propia do territorio no que buscan desenvolver o seu oficio. "Se as persoas que nos atenden, na sanidade e noutros eidos da Administración xeral, onde pasa o mesmo, non teñen que saber galego, queda a porta aberta para que isto se repita", engade.Maceira pon o acento na oficialidade do galego e na necesidade de facer valer ese rango "para todo". "De que lle serve esa condición á lingua se unha crianza de sete anos non pode dirixirse nela á súa pediatra", cuestiona.

Doutra banda, critica que a Liña do Galego sexa o único servizo que tramita analiza e trata de responder as queixas da cidadanía, "que se ve na obriga de organizarse para suplir a falta de organismos públicos que velen pola protección efectiva do galego".

Uso minoritario 

Desde o eido da saúde, o médico de Urxencias Henrique Villena recoñece que o emprego do galego é minoritario na sanidade, máis na asistencia hospitalaria que nos centros de Atención Primaria. "Canta máis responsabilidade ten o profesional sanitario menos implicado está co uso da lingua propia". "No meu servizo, no Hospital Clínico Universitario de Santiago, somos ao redor de 60 facultativos. Falamos galego tres e só dous escribimos neste idioma todos os informes e documentos internos", salienta.
Asegura que non hai "demasiada sensibilidade pola lingua", nin "conciencia de que dirixirse á paciente no seu propio idioma ten implicacións no acto médico".

"Ningunha usuaria pode sentirse discriminada por usar o galego"

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantén que desde o seu departamento están en contacto coa Consellaría de Sanidade para coñecer os detalles da queixa presentada por Rute Pallares e resolver, de ser o caso, que actuación cómpre para reparar o dano e impedir que se repita unha situación similar.

"Non pode ser que ningunha usuaria do Sergas se sinta discriminada por falar galego, máxime cando se trata da atención á infancia"

"Non pode ser que ningunha usuaria do Sergas se sinta discriminada por falar galego, máxime cando se trata da atención á infancia", explica en conversa con este medio. Á espera de ler o informe definitivo que elabore Sanidade após confirmar o sucedido, Valentín García destaca que se trata dun "caso puntual, que nin abunda nin prolifera". Con todo, afirma, cómpre estar vixilantes "e tomar as medidas oportunas para que non volva pasar".

"Calquera pediatra en contacto coas usuarias do Sergas non debera ter difícil aprender galego. Se aínda así se determina que é un problema de competencia lingüística, faremos unha proposta de formación para que Sanidade actúe", conclúe

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/so-medicos-60-falamos-galego/20200115201410089640.html


© 2020 Nós Diario