Entrevista a Eliseo Fernández

"A situación de Conxo tiña que ver con cuestións que aínda hoxe vivimos"

Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do Manicomio de Conxo (Kazanegra editora-CNT) é o último libro publicado polo historiador Eliseo Fernández (Ferrol, 1967). Nel abórdase o conflito laboral dun centro que segue aberto na actualidade e que en 1933 acubillou unha protesta pouco estudada até o de agora. 

eliseofdez
photo_camera Lámina dos irmáns Laporta, 1907

Vén de publicar Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933, un conflito abordado tanxencialmente nalgunha publicación anterior, mais non coa profundidade deste. Que teñen de atractivos estes acontecementos para vostede?

A miña área de interese é a historia do movemento obreiro e do anarquismo na Galiza, e foi nese sentido no que me acheguei inicialmente á historia desta folga no manicomio; o que pasa é que despois a historia que coñecín gañou en complexidade, ao relacionarse coa xestión económica do manicomio e coa triste situación das persoas doentes. En certa medida, pareceume que a situación do manicomio tiña tamén algo que ver con situacións que aínda hoxe vivimos, en que existen empresas que xestionan servizos públicos de xeito deficiente e con pésimas condicións laborais.

Á marxe de cuestións estritamente laborais, a folga respondía tamén á necesidade de enfocar doutro xeito a atención aos internos?

O obxectivo inicial da folga era resolver o problema das malas condicións laborais das traballadoras e traballadores do centro, mais a protesta contra a xestión da Igrexa e a dirección do manicomio atinxiu tamén as pésimas condicións que padecían as persoas que alí estaban internadas. Quizais non houbera unha reivindicación consciente doutro tipo de atención psiquiátrica, mais si houbo unha denuncia das condicións de internamento.

Non é sinxelo reconstruír a situación do manicomio naquela altura, mais si que é posíbel albiscar o que alí pasaba polas denuncias dalgúns membros do cadro médico, dos folguistas e mesmo dalgún internado

Como era a vida naquel centro? Como eran as condicións?

Non é sinxelo reconstruír a situación do manicomio naquela altura, mais si que é posíbel albiscar o que alí pasaba polas denuncias dalgúns membros do cadro médico, dos folguistas e mesmo dalgún internado. Penso que algúns dos rasgos que caracterizan a situación de Conxo neste período son as deficientes condicións de alimentación e hixiene, causadas pola xestión empresarial corrupta da institución, e a ausencia dunha auténtica función curativa, de tal xeito que era raro que os pacientes mellorasen das súas doenzas; en consecuencia, pasaban boa parte da súa vida no manicomio sen ningunha esperanza de recuperar a saúde e a liberdade.

A folga estivo liderada pola CNT, un sindicato con moita forza na Galiza do momento. Que papel xogou o sindicalismo anarquista naqueles anos da II República?

Penso que a CNT foi naqueles anos un sindicato de enorme importancia, pois representou a existencia dunha grandísima parte da sociedade organizada para a xestión das súas necesidades e problemas; na Galiza, CNT e UGT agrupaban a boa parte do proletariado urbano e estaban integrando tamén á clase traballadora no rural.

O reformismo republicano non estaba sendo quen de responder ás necesidades da clase traballadora

Na medida en que as inquedanzas da clase traballadora non tiñan resposta por parte das autoridades da II República, houbo situacións de conflito, folgas e mesmo movementos insurreccionais. A existencia de protestas como a do persoal do manicomio de Conxo, animadas pola CNT, o que facían era poñer a República diante das súas propias contradicións, pois o reformismo republicano non estaba sendo quen de responder ás necesidades da clase traballadora.

Penso que a CNT foi naqueles anos un sindicato de enorme importancia

Como rematou a folga? Lográronse os obxectivos?

A folga xeral que paralizou a cidade de Santiago durante cinco días, en solidariedade co persoal do manicomio, significou a consecución das melloras esixidas polos traballadores e traballadoras, e conseguiu tamén a readmisión do persoal despedido durante o conflito. Mais non parece que tivera aínda forza abondo para mudar a xestión empresarial da institución nin para que as autoridades interviran na situación das persoas doentes.

A represión dos anos da Guerra Civil e os corenta anos de ditadura significaron a destrución daquel movemento social

Cal cre que son os motivos polos que o sindicato, daquela certamente maioritario, foi cedendo poder de representación laboral en detrimento doutras centrais?

A represión dos anos da Guerra Civil e os corenta anos de ditadura significaron a destrución daquel movemento social e mesmo impediron a transmisión xeracional dunha cultura reivindicativa que viña xa desde a segunda metade do século XIX.

Cando nos anos de Transición se deu a apertura que permitiu o renacemento do sindicalismo, houbo unha aposta gubernamental consciente pola continuidade do modelo vertical franquista, que pasou ás mans de CCOO e UGT. Moi mermada pola represión e marxinada no novo marco laboral, a CNT pasou a ser un sindicato minoritario. Sen a forza dos anos anteriores á Guerra Civil, non tivo capacidade de influír na situación laboral da clase traballadora galega.

Comentarios