Situación crítica nos hoteis do Grupo NH na Galiza: dous meses sen cobrar o ERTE

Traballadoras e traballadores en situación de expedientes de regulación de emprego (ERTE) dunha das multinacionais máis importantes do sector, o NH Hotel Group, levan dousn meses sen cobrar o ERTE por forza maior que lles aplicou a empresa. Persoal dos dous estabelecementos de primeira magnitude dentro da súa categoría de luxo Collection na Galiza, o Finisterre na Coruña e o de Santiago, piden solucións. 
Hotel NH Collection Santiago (NH)
photo_camera Hotel NH Collection Santiago (NH)

A continuidade do estado de alarma e os problemas que aínda teñen moitas traballadoras e traballadores en situación de expedientes de regulación de emprego (ERTE) faise máis preocupante en sectores como o turístico pola incerteza da súa apertura. Unha das multinacionais do sector, o NH Hotel Group conta na Galiza con dous estabelecementos de primeira magnitude dentro da súa categoría de luxo Collection: o Finisterre na Coruña e o de Santiago

Segundo fontes sindicais NH presentou o pasado 23 de marzo un ERTE por forza maior que afectou todas as súas instalacións no Estado español, un total de 3.236 persoas. Na Galiza están nesta situación 90 traballadoras e traballadores entre ambos os hoteis, que denuncian que aínda non cobraron nada desde marzo

NH Hotel Group rematou 2019 con récord de beneficios 

O NH Hotel Group tivo en 2019 récord de beneficios. O seu propio conselleiro delegado, Ramón Aragonés, falaba de ano "histórico" por chegar a un beneficio neto de 100 millóns de euros. A razón destes números, explicaba a multinacional nun comunicado, era "a positiva tendencia dos principais mercados de Europa, especialmente favorábel no Estado español, onde o grupo aumentou 6,1% sus ingresos, até 1.718,3 millóns de euros".

Sen negociación

A situación é crítica, como explica a Nós Diario Leonardo Da Cruz, delegado sindical pola CUT no hotel compostelán. "Fixémoslles propostas de complementar o importe do desemprego, pedímoslles que non se perdesen as vacacións e poder cobrar a parte proporcional das pagas extraordinarias que non computaban para o desemprego", asegura, "e non accederon a nada", engade. Explica que estes ERTE non tiveron en conta a voz do persoal da empresa e agora "bótanlle a culpa a Madrid". 

Na mesma situación atópanse na Coruña onde, como en Compostela, chamaron continuamente o Servizo Público de Emprego (SEPE) para preguntar pola súa situación. "Non lles  constaban todos os nomes e por acumulación de expedientes, había atrasos", asegura a Nós Diario Jenaro Torreiro (UXT), o presidente do comité de empresa. Agora teñen casos extremos de traballadoras e traballadores fixos discontínuos que cobraron unha parte do mes de xullo "como adianto por parte da empresa mais con cantidades como 100 euros que non chegan para nada", relata Torreiro.

Futuro ERTE e falta de preocupación polo persoal

A multinacional comunicou a UXT que formarán unha mesa de negociación diante da posibilidade da non apertura dos hoteis. "Queren presentar un ERTE negociado do que aínda non sabemos as condicións", explica o sindicalista da UXT, "mais se incorporan xente comezarán a pasar eses seis meses nos que non poden despedir, e tememos que logo veña un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ou directamente o desemprego", engade. Na CUT desconfían que nesta negociación non se teñan en conta outras centrais sindicais, agás UXT e CCOO, que son agora mesmo os sindicatos maioritarios.

Unha traballadora do NH Collection de Compostela afirma, en declaracións a Nós Diario, que as situacións familiares comezan a ser preocupantes após estes dous meses sen cobrar e a posibilidade de que non teñan ingresos até xuño. "Como é posíbel que unha empresa que tivo beneficios multimillonarios deixe que familias pasen fame?", pregúntase. Lamenta que en todo este tempo desde a dirección do hotel "non se preocupasen nin por saber como estamos".

Comentarios