Congreso anual

O Sinn Féin prevé un referendo pola unidade de Irlanda en cinco anos

A líder do partido republicano, Mary Lou McDonald, sinalou que o referendo sobre a unidade da illa era simplemente unha cuestión de «cando».

2019111813372932132
photo_camera Mary Lou McDonald, aplaudida polos resto de dirixentes do Sinn Féin [@sinnfeinireland]

A líder do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, sinalou que o referendo sobre unha Irlanda unida era simplemente unha cuestión de «cando». Na conferencia anual do partido, o Ard Fheis, que se desenvolveu esta fin de semana en Derry, McDonald advertiu a Dublín de que calquera posíbel Goberno que se forme tras as eleccións de 2021 debe prepararse para un referendo en cinco anos.

«O Goberno irlandés e todos os que din que agora non é o momento de falar da unidade están errados. O Brexit mudou todo. Moitas persoas, por primeira vez, están a considerar agora o seu futuro nunha Irlanda unida. Levarase a cabo un referendo sobre a unidade, como se estabelece no Acordo do Venres Santo. Non se trata de 'se', senón de 'cando'», apuntou.

O Acordo do Venres Santo recolle que o Secretario de Estado británico para a Irlanda do Norte debe convocar un referendo «de parecerlle probábel que unha maioría dos votantes puidese expresar un desexo de que Irlanda do Norte deixase de ser parte do Reino Unido e facer parte dunha Irlanda unida».

Apoio do Sinn Féin ao Goberno

Ademais, Mary Lou McDonald recalcou a postura do Sinn Féin, que estaría disposto a apoiar un Executivo con calquera dos partidos da maioría irlandesa Fianna Fáil (centro-dereita) ou Fine Gael (dereita), «de estaren dispostos a implementar un programa republicano».

sinn-fein2

«Que os outros partidos nos digan se están dispostos a implementar un programa republicano para o Goberno», dixo, e engadiu: «De termos a oportunidade de ofrecer vivenda e atención médica, defender as persoas e ofrecer un trato xusto para as familias, así como cumprir coa unidade irlandesa, logo esa sería a única base sobre a que o Sinn Féin entraría ao Goberno».

Comentarios