Opinión

O síndrome de indefensión aprendida

O síndrome de indefensión aprendida semella unha arañeira da que é moi difícil saír e moito menos sen axuda, polo que penso que non viría mal lembrar algunhas das características que fan del unha especie de calella sen saída, un túnel sen luz ao final.
 
Xa estamos afeitas e afeitos aos asasinatos de mulleres que non paran, a que cada vez nos faga menos efecto, a asimilar a anormalidade que implica coma se nós mesmos, mesmas, estivésemos dentro desa arañeira, paralizados polo veleno do bicho. E de certa maneira é así, estamos paralizados por diferentes situacións que producen unha anestesia xeral, un adormecemento colectivo. Levamos moitos anos de aprendizaxe en soportar anormalidades para rematar considerándoas normais. Un corremento das marxes, dos bordos do sentido común, unha distorsión xeneralizada produto de anos e anos de desfeitas sociais... Imos repasar entón o que sabemos do SIA:

O SIA foi estudado polo psicólogo estadounidense Martin Seligman, quen comezou facendo test con animais, e, en concreto con dous cans (xa sabemos como vai a cousa) engaiolados, aos que lles facía chegar unha descarga  eléctrica, agardemos que inocua, tendo un deles a posibilidade de cortar a descarga cos dentes e o outro non. O psicólogo advertiu que o can que tiña a posibilidade de cortar a descarga, e o sabía, permanecía alerta e conservaba a súa enerxía de seu, mentres que o outro canciño se amosaba nervioso e indefenso. O experimento continuou noutra fase, tendo os dous cans a posibilidade de cortar o fluído eléctrico, e o resultado foi que o can que estivera sometido á electricidade sen poder defenderse, agora que podía facelo non o facía: ou sexa que perdera a súa capacidade de autodefensa, deixaba que as circunstancias lle impuxesen condicións. A súa vida xa non era a mesma.

Ningunha de nós está segura; ningunha, sen importar a súa condición, a súa idade, o seu cociente intelectual, o seu nivel cultural, pode considerarse inmune

O SIA non só e individual, poden sufrilo sociedades ou comunidades enteiras; xente que fora sometida previamente, que esquecera todas as súas habilidades, todas as súas capacidades: que aprendera a non se defender pasase o que pasase.
 
Temos exemplos dabondo de sociedades que foron –e son- asoballadas durante anos, e que acreditan pouco –ou nada- nas súas forzas, na necesidade e a obriga de facer valeren os seus dereitos. Pero que ocorre cando esta operación de acoso e derribo é levada adiante no espazo protexido do fogar, que debería ser o máis protector e continente para calquera ser humano, mais que, con alarmante frecuencia, adoita ser un verdadeiro campo de preparación para non diferenciar entre o xusto e o sufrimento inaceptábel que nos impoñen porque si? Para entendernos: as mulleres que son castigadas durante moito tempo, igual que o canciño do doutor Seligman, non distinguen dentro de si mesmas a violencia e non desenvolven os mecanismos de defensa para separarse das situacións anómalas. Segundo Miguel Lorente

A la indefensión se llega cuando: se expone a la víctima a peligros físicos y no se le advierte o ayuda a evitarlos, se la sobrecarga con trabajos, se le hace pasar por torpe, descuidada, ignorante etc.; la falta de afecto unido a la repetición y prolongación en el tiempo de actitudes despreciativas, acompañadas con bruscos cambios del estado de ánimo del agresor, sólo es comparable a algunas torturas.
 
Esa é a relación do SIA coa violencia de xénero, e hoxe sabemos, ademais, que a indefensión non fai falta que a traiamos posta da casa (da educación, da familia) aínda que tamén inflúe, o síndrome este que, de estar atrapadas nel nos converte en nada ou case nada, pode ser inducido. Ningunha de nós está segura; ningunha, sen importar a súa condición, a súa idade, o seu cociente intelectual, o seu nivel cultural, pode considerarse inmune fronte á mala sorte de atopar pola vida un macho de calquera letra do alfabeto grego que comece doce e remate ben amargo. Por iso é tan importante prestar moita atención aos detalles por pequenos que parezan, aos comportamentos iniciais, aos cambios bruscos de carácter, ao que din e ao que calan.

Comentarios