Os sindicatos denuncian o 'esquirolismo patronal' da Xunta

CIG, CCOO, CSIF e UXT cargan contra Medio Rural polo trato aos traballadores do servizo de prevención de incendios
Protesta dos técnicos de prevención de incendios ante a Xunta (CIG)
photo_camera Protesta dos técnicos de prevención de incendios ante a Xunta (CIG)

Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT anunciaron esta terza feira a presentación unha denuncia xudicial contra a Consellaría de Medio Rural por unha suposta vulneración do dereito a folga dos técnicos de prevención de incendios que evitaron co que eles consideran un"esquirolismo patronal" ao entregarlle a dirección de obras a persoal alleo á Administración galega.

O colectivo de técnicos forestais, que se atopa en folga indefinida desde o pasado 1 de agosto en demanda de melloras laborais, alerta de irregularidades por parte deste departamento na aplicación de servizos mínimos legalmente estabelecidos.

De feito, acusan ao conselleiro de Medio Rural, José González, e á secretaria xeral técnica de "prevaricación" por externalizar esta dirección de obras, "conscientes de que estaban a facer algo que a xurisprudencia recolle como esquirolismo patronal".

Ademais, arremeten contra os "incumprimentos e comportamentos ilícitos" por parte da Xunta, cunha "imposición de cambio de cuadrantes e calendarios de traballo", o que, segundo critican, "supuxo que en determinados días e distritos se pasase duns servizos mínimos pactados de 66% a outros de 100%".

Presións e coaccións

Tamén reprochan a estes departamentos a modificación, a través dunha instrución da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, do procedemento de entrega e recepción de lotes de madeira en xestión pública, con encomenda a outros colectivos dos traballos que lle corresponden ao persoal técnico. "Isto pretende rebentar ou minimizar os efectos da folga, nun claro acto de vulneración da liberdade sindical", agregan os sindicatos denunciantes.

Xunto a isto, desde as forzas sindicais relatan que houbo "presións, coaccións e pseudo ameazas" ao persoal traballador para que realizasen informes, a pesar de que a orde de servizos mínimos reflicte que estes só deben cinguirse ás tarefas de coordinación e dirección de medios de extinción.

A este respecto, os sindicatos denunciantes fan referencia a "correos selectivos" enviados o pasado 21 de agosto nos que se daba a instrución ao persoal de "avisar en caso de deixar de secundar a folga", no que consideran "unha clara intromisión no libre exercicio deste dereito".

Comentarios