DATOS DO PARO DE SETEMBRO

Os sindicatos alertan do aumento da precariedade

As primeiras valoracións dos sindicatos sobre o paro rexistrado en setembro sinalan o empeoramento da situación laboral no país e alertan da gravidade dos datos cara ao futuro

imaxe endesa
photo_camera Mobilización laboral.

Desde a CIG salientan que son os peores datos de emprego desde o 2011. O seu secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, afirma que estas cifras" confirman o grave problema industrial que padecemos” como consecuencia de non contar “cun plan industrial galego e coa soberanía precisa para levalo a cabo”.

En relación á afiliación á Seguridade Social, alerta de que o descenso foi o dobre que o medre do desemprego, o que “vén empeorar aínda máis o panorama”. O incremento do desemprego nalgúns sectores como o de Servizos (2,7%) ou o Industrial (0,96%) é causa abondo para o secretario confederal de Emprego para facer un chamamento á mobilización “contra a desertización industrial” e pon como exemplos a situación que padece a industria electrointensiva ou o sector do automobil, entre outros.

A CIG chama á mobilización 

O aumento da contratación é, para Cartelle, unha proba máis do aumento da precariedade laboral. “ao elevado desemprego súmase unha alta rotación e a escasa duración dos contratos dunha parte moi importante da poboación asalariada” e exixe máis unha vez a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva, responsábeis de alimentar “a precariedade campante en Galiza” e o “empobrecemento masivo da clase traballadora galega”.

CCOO pon o foco na “interinidade do Goberno central”

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, asegura que estes datos “amosan serias luces vermellas, a desacelaración da actividade e, en consecuencia, do emprego”. Afirma que “é o momento de tomar medidas” sinalando como un dos problemas “a interinidade do Goberno central” e que a Xunta “exerza as súas competencias”.

En relación á afiliación, Bouza cre que “a rotación no mercado laboral galego é escandalosa”. Critica, aliás, o aumento na Galiza das persoas demandantes de emprego que non cobran prestación ningunha, “case 2.000 persoas máis que no mes anterior”.

Desde UXT, de por parte, inciden en que a precariedade e a rotación na contratación seguen a ser as eivas do mercado de traballo galego. Ademais, salientan que sobe o desemprego feminino e en menores de 25 anos.

Comentarios