Os sindicatos demandan accións diante dos datos da EPA

As cifras da enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre nos gustaron nada á CIG, CCOO e UXT.  As tres organizacións demandan accións urxentes. Autónomas e autónomos de ATA aseguran que a seguinte enquisa terá resultados aínda peores.
Oficina de emprego (Arxina)
photo_camera Oficina de emprego (Arxina)

Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre foron criticados con contundencia polas organizacións sindicais. 

Desde a CIG alertan da "grave situación" que implican estes datos. O seu secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle,  asegura que precisamos "unha saída galega e xusta da crise" e que se adopten toda unha serie de medidas que permitan "a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno en Galiza".

Desde a central nacionalista insisten que "urxe derrogar as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego de 2010 e 2012 e unha conciliación con dereitos diante das necesidades de coidados xeradas pola pandemia".

A análise dos datos cren que debe tomarse con moitas reservas, xa que o segundo trimestre de 2020 abrangue o período máis “irregular” no mercado de traballo, xerado pola covid-19. Con todo para a CIG a pandemia "puxo en evidencia as eivas do modelo capitalista". 

CCOO tamén amosa a súa preocupación polo aumento do desemprego nun período "marcado pola estacionalidade" que constata que "o emprego creado é precario, situación que prexudica especialmente as mulleres, e o sector industrial que continúa agonizando".

Tamén sinalan que a Xunta destrúe emprego no sector público (-2800) en comparación con outras administracións. 

Polo seu lado, UXT ve "especialmente preocupantes" os datos do desemprego de longa duración, e insiste en que resulta imprescindíbel "seguir protexendo as empresas, os empregos e o tecido produtivo". O Sindicato tamén fai fincapé en que se trata de converter a recuperación nunha oportunidade de reforzar o sistema de protección social.

Desde a Asociación de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA), o seu presidente estatal Lorenzo Amor, afirmou que estes datos son unha "choiva fina" e unha "pequena fochanca" comparados coa "tormenta" dos resultados que virán no cuarto trimestre. "Se non se pon remedio, a seguinte EPA vai traer datos catastróficos", apuntou nun comunicado.

Comentarios