O sindicato médico CESM demandou esta segunda feira o Sergas perante a Fiscalía por un presunto "homicidio imprudente" e "outros delitos" após o falecemento dunha doente no novo hospital de Vigo.
Segundo o sindicato poderían existir responsabilidades penais derivadas da morte dunha muller atinxida por unha forte doenza hepática á que se lle detectaron altas doses de aspergillus, un fungo.
O CESM coida que o traslado de pacientes ao Álvaro Cunqueiro foi precipitado ao non existiren garantías suficientes de que as instalacións reúnan as condicións exixíbeis de seguridade, algo que foi recoñecido desde a Consellaría de Sanidade ao anunciar a paralización do traslado de pacientes.
En declaracións á imprensa no momento de presentaren a denuncia, desde o sindicato lembraron que o edificio do novo hospital está aínda "en obras" e atribúen a "precipitación" na mudanza de doentes á "urxencia da concesionaria por comezar a cobrar o canon e os servizos extra-hospitalarios".
Neste senso, subliñaron a "responsabilidade" de Sanidade por ter autorizado a abertura do complexo malia os "riscos" existentes para a saúde das persoas.