Sinalan o director de Lavacolla por coaccionar empresas e traballadores

A CIG estuda a posibilidade de presentar unha demanda contra Ricardo López Navarro por acoso e vulneración dos dereitos das traballadoras e traballadores.
[Imaxe: CIG] De Prado, sentado, segundo pola dereita, na rolda de prensa do comite de folga esta segunda feira.
photo_camera [Imaxe: CIG] De Prado, sentado, segundo pola dereita, na rolda de prensa do comite de folga esta segunda feira.

O persoal do medio cento de empresas que prestan servizo no aeroporto Lavacolla-Rosalía de Castro volverán á folga esta sexta feira, na terceira das xornadas de paro coas que denuncian a precariedade laboral e a pretensión de AENA, xestora do aeródromo, de fechar a cantina de persoal.

Antes, pretenden entrevistarse co delegado do Goberno, Javier Losada, a quen se dirixiron por carta esta segunda feira, e tamén co alcalde de Compostela, Sánchez Bugallo. E están pendentes de falar no pleno de Compostela, despois de que o BNG llo teña solicitado ao Goberno municipal.

Mais con que non conseguiron reunirse foi con AENA. Despois de meses de conflito, a resposta da compañía ás súas demandas segue sendo o silencio. A maiores, as traballadoras e traballadores queixáronse da imposición duns servizos mínimos “abusivos” nas dúas primeiras xornadas de folga (os pasados días 13 e 20). A CIG xa presentou denuncia. E agora están valorando se presentar outra polo acontecido o día 20.

“Sabemos que o 19, o día anterior á folga, a dirección do aeroporto reuniuse coas empresas para pedirlles que non fechasen e que denunciasen as accións dos piquetes. Pero os piquetes foron piquetes informativos. A folga volveu ser un éxito, malia que non se cancelaron voos porque os servizos mínimos son do 100%, mesmo na folga de Ryanair, que esixe o 100% ás tripulacións e o 100% tamén ás de reserva”, apunta Pablo De Prado, portavoz do comité de folga. 

Pero a intervención non se limitou á reunión da véspera. “Houbo chamadas do director do aeroporto, Ricardo López Navarro, a empresas o mesmo día 20 para insistirlles. Consideramos iso acoso e unha vulneración do dereito á folga”, di De Prado.

Se non hai movementos por parte de AENA ou a participación de Losada ou Bugallo consegue impulsar unha mediación, o persoal volverá a folga esta sexta feira cun paro de madrugada até primeira hora da mañá.
 

Comentarios