Simplifican o trámite para obter a obrigatoria 'Guía de Circulação'

Actualmente obtense en liña e ten que renovarse anualmente.
EuropaPress_3575709_jesus_gamallo_reunion (1)
photo_camera Jesús Gamallo na reunión de hoxe. (Foto: Nós Diario)

Presentouse esta segunda feira o novo proxecto da iniciativa “b-Solutions”, que promove a Comisión Europea para simplificar a obtención da "Guía de Circulação" que precisan os e as traballadoras fronteirizas cando utilizan o seu vehículo regularmente por territorio portugués.

A reunión, que decorreu hoxe, supón un dos primeiros encontros entre o experto designado da Xunta, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e representantes das administracións, forzas de seguridade e traballadoras transfronteirirzas. 

Na actualidade, este documento só se pode obter en liña e debe renovarse anualmente.

“Trátase dun procedemento gratuíto, mais a complexidade da súa tramitación, o descoñecemento da súa obrigatoriedade e as múltiples casuísticas que se dan entre aqueles que cruzan a fronteira levan moitos traballadores a atoparse con sancións”, explica a Xunta.

Cartas aos mandatarios

A situación das traballadoras fronteirizas volve ser complicada desde que o pasado mes de xaneiro os Gobernos español e portugués decidiran fechar as fronteiras, do mesmo modo que o fixeron na primeira vaga. No país existen actualmente cinco pasos que soportan o 50% do tráfico tranfronteirizo e soamente dous están abertos as 24 horas do día.

Ante os problemas que isto ocasiona aos e ás traballadoras fronteirizas, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño está a levar a cabo unha serie de accións para protestar polos fechamentos que afectan máis de 6.000 persoas

A pasada semana enviaron senllas cartas ao mandatario español Pedro Sánchez, ao portugués Marcelo de Sousa e á comisaria europea, Elisa Ferreira, onde pedían a apertura de todos os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. 
 

Comentarios