Estamos de novo diante dun proceso electoral no que Galiza se xoga como país nada menos que estar ou non estar no Congreso con expresión política propia e plenamente soberana. Desde 1977 a 1996 Galiza estivo ausente nas Cortes, case os primeiros vinte anos da democracia española, e todas as persoas que temos conciencia de país sabemos que as consecuencias da ausencia do nacionalismo galego no Congreso durante esas dúas décadas foron enormemente prexudiciais para a construción do noso autogoberno e mesmo para nosa autoestima como pobo, e foron, así mesmo, moi negativas para a defensa política e institucional do país fronte a todas agresións que sufriron os diferentes sectores da economía galega, nomeadamente o sector naval, o campo e a pesca. Galiza quedou absolutamente á intemperie durante os anos máis decisivos do actual marco autonómico, o que abriu de par en par as portas a un sistema político galego protagonizado institucionalmente por aqueles partidos que nunca acreditaron en Galiza como nación e que nin sequera aspiran a exercer até o límite legal as cativas competencias que lle outorga o texto constitucional e estatutario. De feito nos últimos tempos estamos indo de nación a provincia, paso a paso cara atrás, cara a unha nova centralización do poder.
Calquera persoa de pensamento nacionalista ou galeguista que lle quere a este país e que desexa unha Galiza diferente debe ser consciente de que neste vindeiro proceso electoral xogámonos, máis unha vez, ter voz e peso político en Madrid como país, non só para levar alí os graves problemas que ten a sociedade galega e que temos como nación, senón tamén para condicionar a política do Goberno español a respecto de Galiza. E é obvio que nestas eleccións non hai outra alternativa de país que non sexa a que representa o Bloque Nacionalista Galego. A indiferenza diante do 10-N non é nin sería comprensíbel, pois, en ningunha persoa con verdadeira preocupación por Galiza. O silencio non será nunca unha actitude de compromiso co país. Nunca. Por iso moitas persoas actualmente sen militancia no BNG están a expresar o seu apoio público ás candidaturas nacionalistas. Isto é talvez o máis positivo que está a suceder nesta campaña electoral, porque demostra que en circunstancias históricas como as actuais, tan decisivas para o futuro de Galiza e para o fortalecemento do nacionalismo galego, as persoas que de verdade aman o país, militen ou non militen nunha organización política, actúan sempre con xenerosidade e con responsabilidade política e non lle fallan ao país.
Lamentabelmente, e non o podo dicir con outro adverbio, hai outras persoas que, polo contrario, non son capaces de pechar as feridas que deixa a política partidaria e resístense a facer un mínimo xesto de compromiso público coa única opción de país que o 10-N ten o pobo galego. Non alcanzo a comprender esta actitude, e menos aínda en persoas que asumiron noutrora un papel dirixente no nacionalismo galego. Creo, sinceramente, que máis que facer dano a unha sigla política concreta fanlle un profundo dano ao país e incluso ás súas propias biografías. A verdadeira estatura humana, intelectual e política das persoas tamén se demostra cando por riba das diverxencias ideolóxicas e políticas e dos enfrontamentos e odios persoais se exerce o compromiso co país. Cómpre non esquecermos endexamais a lección de don Ramón Otero Pedrayo e de Florentino López Cuevillas colaborando activamente na campaña a prol do Estatuto do 36, cóbado con cóbado cos seus irmáns do Partido Galeguista, dos que se acababan de distanciar politicamente e aos que se viñan de enfrontar de forma moi vehemente pola súa discrepancia sobre a nova estratexia política do PG. E actuaban así porque para Otero e para Cuevillas o primeiro sempre era Galiza, e se conseguir o Estatuto era un obxectivo estratéxico para o país, eles tiñan que estar aí defendendoo coa mesma firmeza e paixón que Castelao e Alexandre Bóveda. Esa é a grande lección daqueles nosos mestres. O seu exemplo debería iluminar en todo momento e en todas as circunstancias o proceder das persoas que aman este país. Estas eleccións son igualmente unha oportunidade para que todas e todos amosemos o mellor de nós e o noso compromiso co país.