Primavera do Cine exhibirá cinco películas galegas

O silencio, a memoria, a identidade e a liberación da opresión

Non é moi doado, en tempo de escasa produción, xuntar varias longametraxes galegas de feitura recente nun festival. Mais o Primavera do Cine, de Vigo, decidiu facelo. Proxectará As mortes, Eroski Paraíso, Manoliño Nguema, De barrio e Estado de Malestar.

mortes1
photo_camera Fotogramas do filme ‘As mortes’.

Roxelio e Maruxa viven nunha aldea galega. Roxelio matou a Pilar. Maruxa tamén a matou. Diso vai As mortes, de Cristóbal Arteaga, unha das cinco longametraxes galegas que poderán verse no festival Primavera de Cine. As mortes é un “thriller rural”. A historia dun feminicidio e o relato da ficción que o asasino monta para agochalo. Crónica negra dos silencios que amparan a violencia de xénero, e a violencia en xeral, como problema estrutural.

A escolla do rural galego como escenario non foi casualidade. “Son chileno e vivín cinco anos na Galiza. Cando cheguei, chamoume moito a atención a dinámica social das aldeas. As historias agochadas, os camiños en curva, as montañas que non deixan ver o que hai detrás…”, indica o director, Cristóbal Arteaga. Os personaxes representan arquetipos recoñecíbeis nun filme en branco e negro protagonizado por Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle. Nun xogo de metáforas que pode ter diversas lecturas.

Outras dúas das longametraxes que proxectará Primavera do Cine xurdiron do encontro entre cinema e teatro. Unha é Eroski Paraíso, o filme de Jorge Coira realizado a partir da obra teatral homónima, de Chévere. Esta montaxe fora xa formulada como un documental que unha filla roda sobre a historia dos seus pais. “Un día Coira veu ver a obra. Comezamos a falar de brincadeira de facer unha película e acabou indo en serio. Presentamos un proxecto á TVG para que fixesen un programa de teatro en televisión. Amosáronse interesados, pero despois cambiaron a dirección da CRTVG e o novo director dixo que non lle interesaba. Compráronnos a película, puxérona en horario de máxima audiencia e funcionou, pero non quixeron seguir con iso”, conta o director de Chévere, Xesús Ron.

O Primavera do Cine proxectará tamén o documental Manoliño Nguema, producido por Filmika Galicia e as ONG Waka Films e Agareso. O director, Antonio Grunfeld, percorre a vida do artista galego-guineano Marcelo Ndong, criado na Cidade dos Muchachos de Ourense. “Eu vivía en Guinea Ecuatorial e escoitei falar de Marcelo. Tivemos claro que alí había unha historia. Decidimos contala a través da montaxe dunha obra de teatro sobre a vida de Marcelo. A obra montouse para facer a película pero, como tivo éxito, acabou funcionando máis alá do filme”, subliña o director.

A emigración

Manoliño Nguema trata de proxectar unha imaxe positiva da emigración fronte ao discurso de certos políticos e medios de comunicación. “Falamos do poder integrador da cultura porque Marcelo crea en Guinea unha escola que está a formar os actores do futuro”, salienta Grunfeld. Ao mesmo tempo, a película reivindica a posíbel identidade cultural dual e a memoria perdida dun país que o goberno franquista, tras a descolonización, quixo facer esquecer, decretando por motivos políticos o silencio informativo sobre Guinea. Nada máis se soubo durante anos. Tampouco das bolsas que permitían a mozos guineanos como Marcelo estudar en España. Parte do obxectivo do filme é demandar a volta destas bolsas.

“Un barrio non é casas e monumentos. É a vinculación con el dos seus veciños. Cando morren veciños como Benedita, pérdese un contedor de memoria”, subliña Chirro

Coa memoria conecta tamén outra das longametraxes do Primavera de Cine, De barrio, de Xurxo Chirro, coprodución de Proxecto Socheo e O Faiado da Memoria. O irmán do director, Gustavo González, fixéralle unha entrevista a unha veciña da Guarda, Benedicta. O seu testemuño era unha fervenza de retallos da historia do século XX. Cando Chirro quixo gravar esta muller en vídeo, ela xa non podía falar, polo que acabou montando unha curta co audio da entrevista e imaxes de Benedita en silencio. De barrio amplía esta historia sobre Benedita e todas as persoas maiores cuxa memoria se perde cando morren. “Un barrio non é casas e monumentos. É a vinculación con el dos seus veciños. Cando morren veciños coma Benedita pérdese un contedor de memoria”, subliña Chirro.

Primavera do Cine proxectará tamén Estado de Malestar, de María Ruído. Un documental sobre o trastorno mental como enfermidade de orixe política e social. Estado de malestar reivindica o apoderamento das persoas estigmatizadas por ter un diagnóstico psiquiátrico. Para iso, apóiase en lecturas de Mark Fisher, Franco Berardi ou Santiago Petit e no testemuño de activistas coma Marta Plaza e membros dos colectivos Flipas-Gam ou Inspiradas. Tamén usa imaxes de filmes dos arquivos Prelinger, dun traballo seu anterior realizado en Túnez ou de Béla Tarr. “Quixen fuxir do estereotipo do tolo que predomina na historia do cine”, sinala Ruído. Pois o filme salienta a potencialidade política dunha fraxilidade causada polo capitalismo neoliberal “que nos empobrece económica e psicoloxicamente. O sufrimento é colectivo, non individual, e temos que repolitizalo”, apoiándonos nos demais e indo ás súas causas fondas, conclúe.

Comentarios