Siervo, Graciano e Manuel, a homenaxe a tres mariñaos bos

O 12 de xaneiro de 2019 Mondoñedo ergue un monólito en lembranza e homenaxe de Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez. Os tres procedían do exercito dos máis, aqueles que enterraron en solo civil Leiras Pulpeiro, fixéronse xentes de ben naquelas milicias dos bos que construíron o soño republicano e morreron, como os mellores, asasinados polo fascismo.
 

Fascistas.

Son o elo que nos une co nacionalismo e o sindicalismo de orientación heterodoxa. Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro, O Latoeiro e Manuel Rodríguez Núñez, Manolo de Feliciano, partillaron unha aprendizaxe social nas filas do sindicalismo católico, compartiron unha militancia común na única agrupación da Unión Socialista Galega das terras de Lugo, coincidiron na fundación e impulso do sindicato de oficios varios da Confederación Nacional do Traballo e morreron, máis unha vez xuntos, asasinados por un piquete de falanxistas e gardas civís encabezados polo brigada Galende na madrugada do 11 de xaneiro de 1938, un mesmo final na Rocha, a carón do cemiterio vello da cidade episcopal.

Significan o proceso de toma de conciencia e de madurez política dunha xeración decidida a rachar co vello. Iniciados ao compromiso social nas filas da Sociedade de Obreiros Católicos, entidade de corte mutualista impulsada pola igrexa coa intención de apartar os traballadores das organizacións de clase pero que actuara de facto como viveiro e escola para os futuros dirixentes das organizacións operarias do Mondoñedo republicano, ocuparan vogalías e postos directivos no colectivo até o momento en que a conciencia galega de clase rebentou aquel xoguete para conciliar. Era xaneiro de 1932 cando Graciano Paz, tesoureiro da entidade, e Siervo González, vogal da mesma desde 1925, eran expulsados da entidade, xunto a perto de oitenta socios, tras denunciar irregularidades na xestión económica por parte do consiliario de Acción Católica Xosé María Agrelo, cuxo nome marcará, en boa medida, o futuro final destes tres mindonienses.

Explican o xurdir e vivir contraditorio nas terras mariñás daquela Unión Socialista Galega que tivo, cando menos, o mérito de franquear os vieiros polos que o nacionalismo transitaría a partir da década dos sesenta. Estamos a finais de febreiro de 1932 e baixo o nome de Unión Socialista Obreira Galega bota a andar aquel xuntoiro de patriotismo diferente e de socialismo fóra de molde, presidida por Siervo González Rivas e cunha directiva da que facían parte Graciano Paz Amieiro, Manuel Castiñeira, Anxo Mel Mel, Pedro Nogueira López e Anxo Xesto Cornide. As protestas contra o incumprimento por parte do Concello da Lei de Termos, as demandas de solucións para a estrada de Argomoso, a denuncia da carestía da vida, a manifestación do primeiro de maio a competir coa UXT, coa banda da musica do Val e os gaiteiros locais ou as eleccións de novembro de 1933, onde Siervo González Rivas será o único candidato do partido do Lugo, marcan un proxecto que rematou pronto.

Sinalan os días e as loitas en que o fermento libertario agromou e sacudiu Mondoñedo. A fundación e conformación da sección local da CNT, aquel xuntoiro de artesáns e simbióticos da vella capital galega, as crónicas de Siervo González nas páxinas de Solidariedade Obreira, o xenial voceiro obreiro da Galiza enteira, as denuncias dos baixos salarios e do incumprimento da lexislación laboral republicana, a represión que seguiu á revolta de 1934 e a clausura da entidade, pero sobre todo o axir dos máis e dos humildes. E tamén a constitución do Partido Sindicalista na cidade, as horas dos seguidores mariñaos de Pestana, a agrupación do partido na localidade á volta de 1935, máis unha vez Siervo González como presidente, Manuel Castiñeiras como secretario, Xosé María González como depositario, Ánxel Mel Mel como tesoureiro, e Manuel Muíño, Pedro Nogueira e Manuel Gesto Cornide como vogais.

Exemplifican, ao fin, a dignidade e o camiño que temos por andar as xentes de ben da Galiza enteira. Cando xa cubría a noite, era un 10 de xaneiro de 1938, petaron as súas portas xentes de mal vivir da cidade episcopal, cuxo nome segue de boca en boca para que fique memoria, e foron con eles ao cuartel da Guarda Civil, onde agardaron que entrara a madrugada para sacalos de paseo e asasinalos. A súa sorte estaba decidida, negábanse a morrer, agonizaron, deixáronos tirados como cans na Rocha e hai quen di que mesmo se achegou un cura parente para ofrecerlles os sacramentos. Chamábanse Siervo González Rivas, cincuenta e dous anos, residente na rúa Febreiro, funcionario municipal, con muller e catro fillos, Graciano Paz Amieiro, corenta e cinco anos, residente na rúa Bispo Sarmiento, artesán latoeiro, deixaba muller e unha filla e Manuel Rodríguez Núñez, corenta e cinco anos, residente na rúa Febreiro, comerciante.

Comentarios